Acordo entre a Xunta e o Concello de Frades para mellorar os centros de saúde
- Crónicas da comarca
- 5 jul 2023
- 2 Min. de lectura

Case 50.000 euros para renovar integralmente a cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira e substituír os toldos e impermeabilizar a cuberta do consultorio de Abellá. Ese é o obxectivo do convenio de colaboración asinado hoxe entre a Xunta e o Concello de Frades, no transcurso da xuntanza entre o alcalde, Roberto Rey Martínez, o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, e o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña. Ademais, o alcalde trasladoulle ao conselleiro a situación da sanidade no municipio tras a xubilación do médico de Ponte Carreira.
O alcalde amosouse satisfeito porque co convenio asinado "acabaremos coas filtracións de auga da chuvia" nas instalacións médicas locais. A maior parte do investimento permitirá levantar a cuberta do centro de saúde, composta por chapas de aceiro. No seu lugar instalarase unha de placas de policarbonato translúcidas e paneis sándwich illantes de aceiro. O local quedará mellor illado e será máis luminoso, salientan dende o Concello. Por outra banda, derrubarán o peto de fábrica de ladrillo que rodea o edificio e instalaranse canalóns de recollida de pluviais, con baixantes e rebosadeiros, para evitar as filtracións da auga da choiva no interior.
As intervencións no consultorio de Abellá permitirán cambiar os toldos por outros novos monobloc con brazo extensible de ancoraxe variable, lona acrílica e acondicionamento motorizado. Vaise impermeabilizar a cuberta exterior no acceso. A maiores, mellorarase o illamento térmico e a impermeabilización do consultorio.
No acto de sinatura, no que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez e pola directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, o conselleiro agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar ambos convenios, "con tempo suficiente para que se poidan licitar as obras e executarse en prazo", de modo que "o persoal e os pacientes contarán cuns centros de saúde mellores e máis confortables".
Praza vacante
Roberto Rey e Manuel Ferreiro aproveitaron a entrevista para tratar sobre a cobertura da praza do médico recentemente xubilado no centro de saúde de Ponte Carreira, Juan López Villasente, así como a situación da praza da médica Ana María Gutiérrez, do consultorio de Abellá, declarada en servizos especiais e que despois collerá as súas vacacións.
“O conselleiro garantiunos que a praza de Don Juan cubrirase en outubro, co correspondente concurso público, e asegurounos que enviará persoal durante o verán para cubrir tanto a baixa de Don Juan como as vacacións de Dona Ana en Abellá”, sinala Rey Martínez. “O conselleiro tamén nos comentou que ofreceron a praza a persoas que acaban de rematar o MIR por se lles podía ser de interese unha interinidade temporal pero que non houbo solicitudes”, apunta o alcalde de Frades, quen lle trasladou a necesidade de “contar cun servizo médico suficiente e que preste un servizo de calidade e o máis rápido posible aos veciños e veciñas de Frades”.
Comentarios