A cheminea de Meirama deixou de presidir a paisaxe das Encrobas logo de 40 anos. A torre de refrixeración da antiga central térmica foi derribada logo das 15h de hoxe a través dunha explosión controlada. Os veciños da zona foron evacuados durante a operación, e tamén se cortou o tráfico da DP-2405. O operativo foi conducido pola Garda Civil canda a Protección Civil.
Dende o Concello de Cerceda aseguran que a central "deixará o seu emprazamento a un espazo para a construción do futuro, de novas oportunidades". Explican que a empresa encargada do desmantelamento retirou o amianto durante o último ano.
Do mesmo modo, anunciaron que o Concello encargou hai semanas unha reportaxe sobre as iconas da central térmica, que deixarán de formar parte da cotidianidade do municipio. Esta escolma, con imaxes de vídeo aéreo e fotográficas, pasarán a formar parte do Museo da Minería.
Comments