
Poucos días despois de rematar o período de alegacións ao parque eólico Gasalla, entre Mesía e Frades, dende o colectivo Aldeas Libres de Macroeólicos volven lembrar que este proxecto deixaría rodeada, de materializarse tal como se prevé, a aldea de Gasalla e os seus 15 residentes habituais.
De ser aprobado o parque, contaría con sete macroeólicos de case 200 metros de altura e unha subestación eléctrica. É un dos compoñentes do macroparque Ordes-Curtis promovido pola empresa madrileña Green Capital Power que podería supor a instalación de 24 macroeólicos, unha liña de alta tensión de máis de 33km e catro subestacións eléctricas entre Ordes, Curtis e Vilasantar.
A exposición pública deste proxecto, cuxa aprobación depende da Xunta, finalizou o pasado luns, 31 de outubro e, segundo datos de asociacións veciñais, as alegacións contra a construción deste parque presentadas superan as 2.600. O número excede o censo de habitantes dos concello de Mesía e do de Frades.
Oposición social e municipal
As asociacións veciñais da zona teñen constancia de que o número de alegacións aos documentos técnicos do PE Gasalla supera as 2.600 presentacións en contra da construción, a maioría delas de habitantes residentes na Comarca de Ordes e de persoas vinculadas profesional ou persoalmente á zona.
Ademais, tanto o Concello de Mesía, gobernado polo PSOE, como o de Frades, gobernado polo PP, adoptaron acordos institucionais contra o polígono eólico que Green Capital Power quere instalar nesa zona, pedindo á Xunta que denegue o permiso de construción.
Dous espazos naturais protexidos en risco
O parque eólico Gasalla encáixase entre dous espazos naturais protexidos: ao norte sitúase, a menos de 500 metros dun macroeólico, a Zona de Especial Conservación (ZEC) do Río Tambre, un espazo da Rede Natura 2000. Ao sureste, a só 15 metros doutro macroeólico, está situado o espazo natural protexido Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro, recentemente declarado como tal pola Xunta.
Ambas as zonas conteñen un crisol de biodiversidade, con máis de 172 especies avistadas, moitas delas catalogadas como vulnerables. Segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, a catalogación como vulnerable implica a necesidade de contar cun Plan de Conservación específico elaborado pola Xunta de Galicia encamiñado a garantir a conservación destas especies en estado silvestre, os seus hábitats e establecer medidas concretas para a súa preservación. Algunhas das especies vulnerables detectadas na zona de afección do parque Gasalla e as súas inmediacións non contan con este Plan.
A construción do parque eólico Gasalla e as súas infraestruturas "supón a destrución do hábitat natural destas especies que, ademais, funciona como corredor ecolóxico de gran importancia entre os dous espazos naturais protexidos e crearía unha barreira artificial permanente con macroinfraestruturas en constante movemento e con tráfico pesado rodado", alertan dende a asociación.
Gasalla
No que ten que ver coa propia poboación de Gasalla, os seus 15 habitantes permanentes quedarían sitiados por sete macroeólicos de 200 metros de altura, colocados a escasos 500 metros das súas casas. Esta distancia é en realidade menor se a medición se fai desde a punta da pala do macroeólico, que é onde se produce o seu ruído aerodinámico, o máis percibido polo oído humano.
Os estudos técnicos do parque Gasalla teñen data de xuño e xullo de 2022, cando a Lei da Xunta de “5 x Altura” (que esixe que os eólicos se sitúen a unha distancia mínima das casas de cinco veces a súa) xa estaba en vigor. Aplicando esta lei, os macroeólicos deberían estar a 1000 metros das casas de Gasalla. "O proxecto incumpre flagrantemente a lexislación do Parlamento de Galicia", conclúen dende a asociación.
Comments