top of page

Andaina Pro Saúde Mental valora positivamente o seu programa de prevención de suicidio en Ordes



Andaina Pro Saúde Mental valora positivamente o traballo realizado no marco do Programa de mellora na detección e intervención en risco de suicidio, desenvolvido na comarca de Ordes e na de Ulla-Sar. Sinalan que este traballo foi ben acollido e percibido como necesario por parte das persoas participantes e destinatarias. A asociación pretende que o Programa poida continuarse, ampliarse e consolidarse.


O Programa de prevención do suicidio de Andaina PSM busca contribuír á redución da incidencia do suicidio a través de tres liñas de actuación: Formación a profesionais do ámbito sociosanitario, Intervención con persoas e grupos vulnerables, e Información e sensibilización social.


A capacitación a profesionais dirixiuse a ofrecer información relevante para unha mellor detección e abordaxe da conduta suicida. No marco desta liña, a entidade desenvolveu diversas formacións con persoal traballador dos servizos sociais e centros de saúde das comarcas mencionadas. Esta formación tamén se dirixiu ás persoas que no futuro se dedicarán profesionalmente ao ámbito social, impartíndose ao estudantado universitario do Grao en Traballo Social e o Grao en Educación Social. A intervención con persoas e grupos vulnerables concretouse no asesoramento a persoas en risco e ás súas familias, así como no desenvolvemento de obradoiros orientados ao crecemento persoal e ao fortalecemento da resiliencia. O traballo de información e sensibilización social, dirixido á poboación xeral, estivo enfocado a minimizar o tabú en torno ao suicidio, visibilizar esta problemática e ofrecer ferramentas para a súa prevención. Para isto, Andaina PSM colocou mesas informativas en servizos sociais e centros de saúde de varios concellos de ambas comarcas, desenvolveu charlas en espazos públicos e tivo presenza en medios de comunicación locais, comarcais e autonómicos.


A asociación valora positivamente a acollida do traballo realizado, sinalando que as persoas que recibiron formación mostráronse receptivas e expresaron a importancia de contar con información específica para intervir ante situacións concretas de difícil manexo. As persoas en situación de vulnerabilidade e as súas familias aprecian o asesoramento e acompañamento recibido, considerándoo moi necesario. A poboación xeral que se achegou ás mesas informativas e asistiu ás charlas de sensibilización amosou interese en coñecer a realidade do suicidio, preocupándose, principalmente, por identificar os sinais de alarma, por como facer un acompañamento axeitado a persoas en risco, e por coñecer os recursos de apoio existentes. A entidade tamén valora positivamente o feito de que os medios de comunicación se fixeran eco de todo este labor. Así, ten a intención de darlle continuidade ao programa e consolidar as tres liñas de traballo, para o que espera seguir contando con financiamento da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.


Andaina PSM recalca que abordar a problemática do suicidio é unha responsabilidade de toda a sociedade. Saber cales son os grupos que presentan maior vulnerabilidade, así como coñecer os factores de risco e os sinais de alarma, fai posible, en gran medida, detectar e previr o suicidio. O reto é lograr un compromiso político sólido, que se traduza en orzamentos e recursos, para apostar por unha abordaxe integral desta cuestión a través de accións de prevención coordinadas, que deben ser implementadas desde as institucións sanitarias e educativas, os medios de comunicación, as organizacións do terceiro sector e a sociedade civil.

Comments


bottom of page