top of page

Andaina PSM estende o seu programa de prevención do suicidio a concellos próximos á comarca de Ordes



A Asociación Andaina Pro Saúde Mental anunciou hoxe a extensión territorial do seu programa Falamos de prevención do suicidio no ámbito rural. Esta iniciativa deu comezo na comarca de Ordes en 2020 e estendeuse cara á do Ulla-Sar ao ano seguinte. Actualmente, pretenden que chegue aos concellos limítrofes destas comarcas.


Durante estes meses de 2023 Andaina PSM levou a cabo reunións con novos concellos para presentar o programa e as actuación. Os novos concellos nos que se desenvolverá o proxecto son Vedra, Negreira, Boqueixón, Brión, Teo, Lousame, A Pobra e Val do Dubra.

A entidade invita ao seguimento da súa actividade en redes sociais (Andaina Pro Saúde Mental en Facebook e @andaina_prosaudemental en Instagram) para poder coñecer as datas e localizacións das diferentes actuacións que se levarán a cabo.


O programa Falamos quere abrir debate arredor dun problema de moita incidencia en Galicia, ofrecendo acompañamento e ferramentas tantp ás persoas vulnerables como profesionais. O proxecto estrutúrase en tres liñas de acción: Formación a profesionais do ámbito sociosanitario, intervención con persoas e grupos vulnerables e información e sensibilización social sobre a prevención da conduta suicida.


Dentro da liña de información e sensibilización social sobre a prevención da conduta suicida enmárcanse diferentes accións na comunidade co obxectivo xeral de dar difusión ás actuacións do programa e de camiñar cara a reducción do estigma social e cultural asociado ao suicido. Organízanse charlas de sensibilización, mesas informativas e puntos de lectura en colaboración coas bibliotecas municipais, entre outros.


Andaina Pro Saúde Mental, Andaina PSM, é unha asociación de persoas e familiares afectadas por trastorno mental grave que ten como finalidade prestar apoio e atención, contribuíndo á mellora da súa autonomía persoal e calidade de vida. A traxectoria de Andaina PSM neste labor inicia no ano 2010 na comarca de Ulla-Sar e dende o ano 2018 na Comarca de Ordes, mantendo en funcionamento un Centro de Rehabilitación Psicosocial en cada unha das comarcas que actúan como unidades de apoio comunitario para a recuperación da persoa a través de programas e servizos tanto a nivel individual como familiar.




Comments


bottom of page