Andaina PSM forma a profesionais sociosanitarios de Ordes en prevención de condutas suicidas
- Crónicas da comarca
- 1 dic 2021
- 2 Min. de lectura

A Asociación Andaina Pro Saúde Mental está a desenvolver un programa sobre prevención da conduta suicida na comarca de Ordes. A campaña oriéntase a capacitar en materia de prevención da conduta suicida a profesionais dos ámbitos sociosanitarios e a estudantado universitario da rama das ciencias sociais. O proxecto, denominado Programa Integral para a Mellora na Detección e Intervención en Risco de Suicidio nas Comarcas Rurais de Ordes e Ull-aSar está financiado pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.
Andaina pretende, a través deste proceso de capacitación, achegar a realidade do suicidio ao persoal social e sanitario que traballa con poboación vulnerable, aportando información relevante para unha mellor abordaxe desta problemática. A formación en Ordes impartiuse o pasado 18 de novembro. En decembro, Andaina impartirá a formación en Valga e Pontecesures.
Outro dos obxectivos desta campaña son os futuros profesionais do eido do social. Así, o alumnado universitario recibe formación encamiñada a mellorar o seu coñecemento sobre a conduta suicida. Os obxectivos son os de reflexionar acerca dos mitos e o estigma asociados ao suicidio, dar a coñecer os factores de risco e de protección, e proporcionar información sobre os recursos existentes ante posibles situacións de risco.
Andaina PSM, en concordancia con diversos estudos sobre prevención do suicidio, considera prioritaria a formación deste tipo de profesionais, xa que, sendo os máis próximos e accesibles á poboación e os que se sitúan na primeira liña de intervención coas persoas, poden actuar como facilitadores comunitarios na detección do risco de suicidio.
Andaina Pro Saúde Mental, Andaina PSM, é unha asociación de persoas e familiares afectadas por trastorno mental grave que ten como finalidade prestar apoio e atención, contribuíndo á mellora da súa autonomía persoal e calidade de vida. A súa traxectoria neste labor deu comezo no ano 2010 na comarca de Ulla-Sar e dende o ano 2018 na Comarca de Ordes, mantendo en funcionamento un Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral en cada unha das comarcas que actúan como unidades de apoio comunitario para a recuperación da persoa a través de programas e servizos tanto a nivel individual como familiar.
x
Comments