ANPA e Concello, contrarios a xuntar 4º e 5º de infantil nunha única aula no CEP de Ponte Carreira
- Crónicas da comarca
- 16 jun 2021
- 2 Min. de lectura

O Concello de Frades vén de trasladarlle á Consellería de Cultura, Educación e Universidades o seu total rexeitamento a xuntar o alumnado de 4º e 5º de Infantil nunha unidade mixta, tal e como pretende o departamento autonómico para o vindeiro curso 2021-2022. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, vén de emitir un decreto de “total apoio á ANPA O Fopo do CPI de Ponte Carreira e aos pais e nais afectados por unha decisión que solicitamos que sexa reconsiderada pola Consellería”.
Esa unidade mixta estaría composta por 9 alumnos/as de 3 anos e outros/as 9 de catro anos, en total unha unidade de 18 persoas. Para defender a súa petición de revisión da decisión, tanto o Concello de Frades como a ANPA e as familias afectadas lembran que todos os anos se reciben novas solicitudes de matrícula unha vez que comeza o curso, en especial nos cursos de infantil, polo cal o número de alumnos/as sería superior a 18 e suporía un agravio comparativo con respecto a outros centros de Galicia e sen posibilidade de reparación.
Neste sentido, dende a ANPA lembran que “unha vez que comeza o curso adóitase recibir novas solicitudes de matrícula, en especial nos cursos de infantil, de menores inicialmente matriculados noutros colexios públicos de concellos limítrofes onde hai unha maior saturación por aula e con niveis de ratio máximos. Deste xeito, é moi probable que en vez de 18 se acaden 20 ou máis nenos a pouco de comezar o curso, polo que a pretendida agrupación sería xa totalmente inviable”.
“Non estamos a pedir privilexio ningún, senón que se estude a realidade da situación e se actúe en consecuencia”, apunta Roberto Rey, quen fai fincapé tamén na situación excepcional que estamos a vivir coa pandemia sanitaria: “pensamos que é imprescindible seguir mantendo grupos de convivencia reducidos como se veu facendo durante todo este curso, grazas ao cal se conseguiu que non se producira ningún contaxio no colexio”.
Comments