top of page

Anuncian que o centro sociocomunitario de Ponte Carreira estará rematado para fin de ano


O centro sociocomunitario de Ponte Carreira comeza a tomar forma, toda vez que as obras acometidas pola empresa JSTOP Obras e Servizos SL avanzan con normalidade. “Estamos xa coa última fase da execución da obra, polo que agardamos que a instalación poida poñerse en funcionamento antes de que finalice este ano”, apunta o alcalde de Frades, Roberto Martínez.


Unha actuación froito dun convenio asinado entre o Concello de Frades e a Consellería de Política Social que, con cargo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, achegou 200.000 dos 343.683,56 euros do proxecto nos dous últimos exercicios,. O Concello de Frades subvencionou o resto con fondos propios.


O centro sociocomunitario de Ponte Carreira dará servizo aos veciños e veciñas do municipio e nel poderanse levar a cabo actividades lúdicas e sociais, así como formación. Ademais, o Concello de Frades pretende que dea servizo especialmente aos maiores de sesenta anos, que representan o 42% da poboación do municipio.


Roberto Rey explica que “en breve contaremos cun centro para os nosos maiores con acceso a servizos como os que actualmente prestamos a domicilio a persoas dependentes: fisioterapia, podoloxía e perruquería, pero que ademais serva de punto de encontro para o resto da veciñanza, que poderá facer aló todo tipo de actividades, dende pilates e ximnasia”. Unha instalación que, a diferenza do que acontecería cun centro de día, non estará só aberto a dependentes de grao 2 ou 3, senón que será accesible a todas as persoas maiores do municipio.

Comments


bottom of page