
O pleno local extraordinario de Trazo celebrado o pasado día 10 aprobou de xeito unánime a distribución dos fondos consignados no Plan Único da Deputación da Coruña POS+2023 destinados a obras e investimento social. A partida global, incluídas as achegas que fai o concello, ascende á cantidade de 487.707,96 €.
Desta cantidade, 80.000 irán para financiar gastos correntes, e outros 244.000 a investimentos. Estes consistirán na mellora dos accesos ao núcleo de Benza dende a Brea e a mellora de accesos a Merelle.
No Plan complementario de 2023, que conta cun investimento de 100.000 euros, o goberno local propuxo executar a fase 1 da senda do santuario de San Mateo a Santa Eufemia.
Por outra banda, cos fondos do plan adicional para gastos sociais extraordinarios, case 64.000 euros, reforzaranse os programas de respiro familiar, medidas de conciliación e outras medidas sociais para atender ás persoas especialmente vulnerables.
Comments