top of page

Arrincan en Ordes as obras de humanización das rúas Camposanto e Casavella


Esta semana deron comezo as obras de humanización nas rúas Camposanto e Casavella no casco urbano de Ordes. Ademais da execución de novas beirarrúas, o proxecto tamén inclúe a adecuación dos servizos de abastecemento, pluviais, saneamento e alumeado. Por este motivo o tráfico rodado nestas vías atenderá a alteracións no sentido de circulación durante aproximadamente un mes, segundo estimacións do Concello.

En conxunto construiranse 978 m² de novas beirarrúas con baldosa de formigón e bordo biselado de granito. Tamén se procederá co afirmado do tramo con aglomerado quente en toda a rúa ao longo de 3.070 m². Previamente repararanse as fochancas existentes con grava e rego semiprofundo. No relativo á rede de pluviais instalaranse 640 metros de tubaxe cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros. Tamén se deixarán listas as conexións das baixantes dos inmobles lindeiros. Os mesmos metros de tubaxe instalaranse para os sistemas de saneamento e abastecemento, así como a colocación de válvulas e arquetas para o seu correcto funcionamento. Neste caso tamén se contempla a reposición das acometidas existentes.


De cara á mellora na eficiencia do sistema de iluminación pública vanse retirar e recolocar os puntos de luz existentes para a correcta execución das obras, así como se contempla no proxecto a instalación de nova canalización e cabreado naquelas zonas onde se reconstrúan as beirarrúas.


A obra rematará co pintado e a instalación de toda a sinalización horizontal e vertical necesaria.


Senda de Guindiboo de Abaixo.

Dentro do mesmo proxecto, continúan os traballos de construción da senda peonil de Guindiboo de Abaixo, na parroquia de Santa Cruz de Montaos, iniciados no remate do ano 2021. A obra permitirá dar continuidade ás beirarrúas xa existentes no núcleo poboacional, incrementándose a seguridade nesta área que transcorre ao longo da N-550. Con isto contémplase a construción dunha pasarela destinada a peóns, cuxo ancho chega aos 2 metros entre os P.Q. 39+180 e 39+760, pola súa marxe dereita.


Segundo as características establecidas trátase dunha senda de formigón coloreado elevada con bordo, e que discorrerá ao longo da zona onde se situaba a cuneta.


Previo á execución do pavimento levase a cabo xa a canalización de tubaxe e a execución de 25 pozos de rexistro con sumidoiros para a recollida de augas pluviais. Tamén a canalización para o alumeado público. Para unha maior seguridade dos transeúntes instalarase un muro de pedras graníticas con varanda de contención nas zonas con desnivel. Finalmente contémplase a adaptación á nova rasante de 6 pozos de rexistro existentes.


O orzamento total destas intervencións ascende a 374.256,59 euros. 168.115,12 euros (sen impostos) corresponderían coas obras de Casavella e Camposanto e 81.504,55 euros (sen impostos) coas da senda de Guindiboo. Á cifra global hai que sumarlle os 7.392,57 euros investidos na rúa Alfredo Brañas, na que recentemente, tras os labores de arranxo de fochancas, levouse a cabo o seu afirmado con conglomerado en quente.

Comments


bottom of page