top of page

As festas do Nadal péchanse con 6.700 casos de COVID-19 en Galicia



A última actualización de casos de COVID-19 en Galicia, logo do Día de Reis, e tras as tres aperturas de mobilidade entre concellos perimetrados provocadas polas festas, confirma que hai 6.700 casos activos de COVID-19 na comunidade. Isto supón un incremento en máis de 1000 casos activos dende a Noiteboa. O 24 de decembro eran 5.655.


Actualmente, hai 1.470 persoas con COVID-19 na área da Coruña, 619 na de Lugo, 764 na de Ourense, 735 na de Pontevedra, 1.260 na área de Vigo, 1.453 na de Santiago, e 399 na de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 57 están en UCI, 362 en unidades de hospitalización e 6.281 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 58.303 persoas curadas, rexistrándose 1.431 falecementos.

Recomendacións

Dende a Consellería de Sanidade volven reiterar recomendacións como a adopción de medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans. É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.


Ata o Día de Reis administráranse en Galicia 18.500 doses da vacina a preto de 12.000 persoas.

Comments


bottom of page