top of page

Ata 12 millóns para empresas e autónomos nun novo plan da Deputación



A Deputación da Coruña destinará este ano outros 12 millóns de euros para un novo plan de axudas destinado aos autónomos e pequenas empresas dos sectores máis afectados pola Covid-19, coma a hostalería, o pequeno comercio ou as empresas relacionadas co sector turístico.


A consignación económica para esta nova liña do Plan de Emprego Local (PEL) foi aprobada hoxe no pleno por unanimidade de todos os grupos políticos da Corporación provincial e supón preto dun 7% do orzamento total da Deputación para 2021. O novo plan dará continuidade ao PEL-Reactiva, realizado en colaboración cos concellos, que están distribuíndo as axudas por importe total de 12,5 millóns de euros entre miles de pequenas empresas da provincia.


O presidente provincial, Valentín González Formoso, agradeceu o apoio unánime da Corporación para activar este novo plan de 12 millóns de euros e destacou que "a Deputación da Coruña vai a seguir o camiño que iniciamos o ano pasado: pór a disposición da sociedade todos os recursos dispoñibles para apoiar a reactivación social e económica da provincia, apoiando especialmente aos sectores que máis están sufrindo as restricións e os efectos da pandemia, como a hostalaría ou o pequeno comercio, entre os que unha gran maioría son autónomos ou microempresas".


"Imos facelo ademais cunha tramitación rápida, simplificando ao máximo os requisitos burocráticos para lograr a maior axilidade administrativa, porque somos conscientes da situación crítica que atravesan estes sectores e da importancia que teñen para o mantemento do emprego e a xeración de riqueza", apuntou González Formoso, que durante as últimas semanas mantivo xunto co seu goberno reunións con asociacións de hostaleiros, axencias de viaxe e outros sectores afectados pola crise, que coincidiron na urxencia de que as axudas cheguen canto antes para evitar o peche definitivo de moitos negocios.


González Formoso sostivo que o goberno provincial "non se esconde detrás das competencias" e volverá a facer este ano "un esforzo económico sen precedentes" para intentar amortecer "unha situación crítica para moitas empresas e moitas persoas, reforzando e adaptando á realidade post covid todos os seus programas sociais e de promoción do emprego".


Pola súa banda, o vicepresidente Xosé Regueira, considerou tamén que a Deputación "está a cumprir co compromiso coas pequenas e medianas empresas dos sectores máis afectados pola crise da Covid-19, implementando un novo PEL cunha partida económica de máis de doce millóns de euros coa que pretendemos chegar ás necesidades máis urxentes e imperiosas dos diferentes sectores, pensando principalmente no turístico, hostaleiro ou axencias de viaxes de cara a non perder competitividade no momento en que remate a actual situación".


Como responsable da área de Turismo, Regueira destaca que "desde o inicio da crise tivemos unha especial preocupación polo sector turístico que sofre de maneira máis intensa os peches administrativos e de mobilidade polo que o consideramos un sector prioritario para ser beneficiario destas axudas", apuntou.


Incremento dun 40% no PEL 2021, con bonificacións ás cotas de autónomos

Valentín González Formoso anunciou tamén que a Deputación abrirá a principios do mes de marzo o prazo de solicitudes das axudas do PEL-2021, cuxas bases foron publicadas no BOP de onte, e que contará cun orzamento inicial de 5 millóns de euros (un 40% máis que o ano pasado).


Ademais das liñas habituais para subvencionar a contratación de persoal ou impulsar a actividade das empresas, o PEL 2021 incorporará importantes novidades como axudas para subvencionar o 70% da cota de autónomos ou a posibilidade de compatibilizar as diferentes liñas de axudas entre si.


Estas novidades son produto da experiencia que a área de Emprego da Deputación acumula desde a creación do PEL en 2016 e pretenden adaptar as axudas ás necesidades reais do tecido empresarial na situación actual.

Comments


bottom of page