Ata 126 empresas presentan proxecto para a Vía Verde
- Crónicas da comarca
- 26 oct 2020
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 19 nov 2020

A Deputación da Coruña recibiu 126 ofertas no proceso de licitación pública das obras de construción da Vía Verde Santiago-Cerceda, que rematou o 19 de outubro.
Os tres tramos que sairon a licitación son os de Oroso (720.856,72 euros), ao que se presentaron 42 ofertas, Ordes (506.423,48 euros e 43 ofertas) e Tordoia-Cerceda (677.094,17 euros e 41 ofertas). En total, as obras suman un investimento total superior aos 1,9 millóns de euros para converter os 36,5 quilómetros da antiga liña ferroviaria entre Santiago e Cerceda na primeira Vía Verde da provincia e a de maior extensión de Galicia, creando un equipamento para camiñar ou andar en bici que terá uha importante repercusión turística e socioeconómica para os concellos polos que discorre.
A Vía Verde enmárcase na aposta da Deputación por fomentar unha mobilidade sostible na provincia. Contará cunha banda de circulación para peóns de 1,5 metros de ancho e outra de 2 metros para uso ciclista. Dotarase ao itinerario de drenaxes e outras obras complementarias coma a construción de muros e taludes, instalación de barandillas en pontes e viaductos, iluminación de túneles activada por presencia ou adecuación de áreas de descanso, nas que se instalarán bancos e mesas de madeira e estacións aparcabicis.
O proxecto inclúe tamén a instalación de carteis de contextualización ferroviaria e elementos innovadores coma eco-contadores e cargadores de bicicletas eléctricas.
Comments