top of page

Atopada unha persoa morta no interior dunha vivenda afectada por un incendio en Tordoia



Un home foi atopado sen vida no interior dunha casa afectada por un incendio en Tordoia. A vítima foi localizada por uns veciños, que acudiron ao domicilio tras darse conta que a casa, situada no lugar da Pontepedra, na parroquia de Cabaleiros, estaba tomada por unha intensa fumareda.


Segundo indicaron ao 112 Galicia as testemuñas que acudiron ao lugar, o ocupante do inmoble era un varón septuaxenario. Foron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 os que chamaron ao 112 para solicitar a intervención das forzas da orde despois de recibir un aviso por parte dos veciños da localidade ao fío das 08:45 horas da mañá de hoxe.


Así, para prestar apoio ao equipo médico e coñecer as circunstancias do suceso, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Igualmente, púxose o suceso en coñecemento dos Bombeiros de Ordes, aínda que, finalmente, non foi precisa a súa colaboración posto que as lapas, que consumiron un armario, un moble auxiliar e algo de roupa de cama, foron apagadas polos propios veciños.

Comments


bottom of page