Belén do Campo inaugura o obradoiro de emprego de Trazo, Oroso, Tordoia e Cerceda no que se formarán 20 persoas en mellora de montes e xardinería
- Crónicas da comarca
- 3 dic 2024
- 3 Min. de lectura
Actualizado: 6 mar

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na inauguración do obradoiro de emprego dual de Trazo-Oroso-Tordoia e Cerceda Terras de Lengüelle no que se formarán 20 persoas en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes e en actividades auxiliares en viveiros, xardíns, e centros de xardinería. A delegada destacou que este taller de emprego terá unha duración de 9 meses, grazas a un investimento da Xunta de máis de 411.000 euros, no que as 20 alumnas e alumnos realizarán 33 actuacións de interese público nestes catro concellos. Este investimento, unido ao realizado no obradoiro 23-24, eleva o investimento da Xunta nestes talleres a un millón de euros.
Concretamente, a delegada explicou que en Trazo están previstos 13 labores de mantemento e conservación de xardíns na Casa Consistorial, no centro médico, na piscina municipal, en áreas de lecer de Castelo, Viaño Grande, Chaián, Berreo, Castiñeira e en Oa e na escola e no local social de Berreo. No Concello de Tordoia levaranse a cabo 10 actuacións de mantemento e conservación das áreas de Folgueira, Empalme e Pedra Longa, no campo de fútbol de Vilabade, na escola de Belvís e na piscina municipal. En Cerceda están previstas 3 intervencións de labores e mantemento do paseo fluvial de Acebedo e no xardín botánico e finalmente en Oroso realizaranse 7 labores de mantemento e conservación das escolas unitarias de Deixebre, Senra, Vilacide e Trasmonte, nas áreas recreativas da Grabanxa e Penateixa e no parque do Carboeiro.
Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo – incidiu - é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación que van recibir para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque cando rematedes estes 9 meses estaredes preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.
Obradoiros 24-25
Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo.
Na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9 millóns de euros para formar 440 persoas sen traballo.
Os obradoiros duais
Na convocatoria de 2024-2025, ofrécense 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna.
O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, pode obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta.
Para acceder a estes obradoiros, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Teñen preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.
A Xunta de Galicia encargarase, no caso dos obradoiros duais de emprego, de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal...), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.
Comments