
O Concello de Cerceda emitiu as súas alegacións con respecto ao parque eólico Meirama, un proxecto consistente en 13 aeroxeradores e 49,50MW de potencia nominal. Nas alegacións do Concello de Cerceda sinálase que a distancia real con respecto aos núcleos de poboación é inferior á que figura no proxecto, comprobando que 4 dos aeroxeradores quedarían na práctica a unha distancia inferior aos 500 metros. Ademais, alégase tamén por parte do Concello que as distancias establecidas por norma proceden do Plan Sectorial Eólico de Galicia, datado do 1997, e que polo tanto estaban pensadas para aeroxeradores con un tamaño considerablemente menor, con outro impacto paisaxístico e outras afeccións visuais. O propio alcalde, Juan Manuel Rodríguez, declarou ao respecto que “a tramitación destes proxectos non é competencia do Concello e estamos sometidos a un gran desamparo, que fai moi urxente a modificación do plan sectorial eólico de Galicia, que é absolutamente extemporáneo. Hai que adaptarse á situación actual, reconsiderando a distancia ás casas e tendo en conta as particularidades de cada territorio”.
Con respecto ao recollido no Estudo de Impacto Ambiental, o Concello de Cerceda sostén que no radio de 5Km faltarían por incluírse 3 parques eólicos e no radio de 20Km, cinco parques eólicos, o cal faría necesario repetir o nomeado estudo para definir mellor os efectos acumulativos. Por outra banda, fanse requirimentos significativos a nivel de aspectos vencellados á hidroloxía, hidroxeoloxía, fauna, paisaxe, saúde e agricultura. Ademais, en canto á documentación presentada, o Concello de Cerceda sostén que se debe completar en moita maior medida e ofrecer maiores garantías nunha vintena de eidos que se detallan (depósito de materiais, destino dos materiais excedentes, establecemento de accesos ao ámbito da obra, localización do parque de maquinaria e instalacións auxiliares, recollida selectiva de residuos, limpeza da zona de execución da obra, estado de mantemento da maquinaria, limitacións ao movemento de maquinaria, redución da emisión de po e partículas á atmosfera, mantemento das características do solo vexetal, medidas protectoras contra incendios, restauración e revexetación das zonas degradadas, protección do patrimonio cultural, protección do sistema hidrolóxico, sinalización de zonas restrinxidas, mantemento das vías de comunicación, instalación de sistemas de depuración de augas, barreiras de retención de sedimentos, emisión de ruídos e protección da flora e da fauna).
O Concello fai ademais unha valoración particular de todos os aeroxeradores situados fora da escombreira (os que están fora do espazo artificial creado a partires das cinzas e escouras da central térmica de Meirama durante o seu funcionamento). Os cinco que se atopan fora da escombreira teñen unha afección visual e paisaxística de moito impacto, en canto afectan ao lago das encrobas, que pertencerá en breve á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (trámites de inclusión moi avanzados). Ademais estes aeroxeradores, visto o estudo do impacto ambiental afectarían na súa maior medida a bosques e prados, diminuíndo o entorno natural das zonas afectadas.
O Concello de Cerceda fai tamén fincapé en que a mesma promotora está a tramitar un parque eólico moi próximo, o Parque Eólico das Encrobas. Algún dos muíños está mais preto do outro parque que dos muíños do seu propio parque, compartindo ademais infraestruturas e instalacións e afectando á mesma zona, arredor do val e do Lago das Encrobas (nacemento do Barcés). O Concello avisa que o trámite actual non sería de aplicación se se trataran os proxectos como un conxunto, como dada a realidade se entende que debería ser, evitando o seu fraccionamento e pasando a nivel estatal a súa tramitación (ao estar por enriba dos 50MW de potencia nominal).
O propio alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, agradeceu publicamente aos técnicos o seu traballo de cara á confección destas alegacións e fixo o seguinte balance: “Comprendemos o papel estratéxico da enerxía eólica, ao formar parte estrutural da transición enerxética, importante para o presente e o futuro. Con todo, cando falamos de eólica si, pero non así, ao final no que consiste a idea é nun novo plan sectorial eólico, así como tamén nunha concepción en base á cal o interese público das zonas afectadas non estea absolutamente sometido a estas iniciativas. Por enriba diso ten que estar a busca de acordos económicos favorables para os afectados, ao igual que hai que primar o respecto aos núcleos habitados, o benestar da xente, a sostibilidade e a responsabilidade social. É o mínimo que lle requirimos ás administracións que teñen as competencias na materia”
Comments