
A noite electoral trouxo poucas sorpresas á comarca de Ordes, agás unha moi destacada: a alternativa de goberno en Oroso, onde o PSOE cede a alcaldía ante o Partido Popular. No resto da comarca, os comicios de 2023 confirmaron nos seus postos á maioría dos alcaldes, se ben con resultados desiguais.
En Frades, o PP cedeu un concelleiro quedando en 7, que gañou o PSOE para medrar de 3 a 4. O BNG mantivo un concelleiro. A maioría absoluta está en 6, polo que o PP de Roberto Rey Martínez gobernará comodamente malia o retroceso.
En Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo repetirá á fronte da alcaldía ao manter o resultado de 9 concelleiros fronte a oito da oposición (seis do BNG, que duplica resultados, e dous do PSOE). O nacionalista Pablo Vidal capitaneará a oposición coa vista posta en 2027. Unión por Ordes (que acadara tres concelleiros en 2019) e Ciudadanos non se presentaron nesta ocasión.
En Oroso, a noite deixaba sorpresa. O Partido Popular de Alexandre Doval medraba ata acadar a maioría absoluta, facéndose con 7 dos 13 concelleiros da corporación. O PSOE cedeu un e quedou en cinco, mentres que o BNG se mantivo con un. Alternativa Oroso non acadou representación pero conseguiu un 4,52%, medio punto por debaixo do mínimo para entrar no reparto de concelleiros. Luis Rey queda sen opción de revalidar goberno.
O PP viviu outra noite doce en Trazo, onde medrou ata os 8 concelleiros dende os 5 acadados en 2019. O PSOE caeu de 3 a 1 e Unión por Trazo acadou un. O BNG quedou cun representante. Fina Suárez volverá ser alcaldesa e serao ante un PSOE moi debilitado pola integración no PP do exsocialista José Manuel Juncal. O exalcalde José Dafonte tamén volve ao concello como único edil do seu partido local.
En Tordoia, o PP medrou tamén en apoios, sumando un oitavo concelleiro. O PSOE baixou de dous a un e o BNG perdeu a súa representación. UCIN acadou dúas actas. Antonio Pereiro será alcalde cun apoio moi sólido.
En Mesía e Cerceda os socialistas levaron as súas únicas alegrías na noite electoral. Se ben en Mesía perderon un concelleiro, manteñen unha ampla maioría absoluta con 8 e Mariano Iglesias gobernará unha vez máis. O PP pasou de 1 a 2 e o BNG mantense cun único concelleiro.
En Cerceda, Juan Manuel Rodríguez García aumentou a súa maioría na corporación local. O PSOE subiu ás 9 actas dende as 7 de 2019, as mesmas que perde o PP baixando de 5 a 3. O BNG repite resultado, un concelleiro.
Comments