Críticas pola non intervención dos bombeiros de Santiago no incendio de Sigüeiro
- Crónicas da comarca
- 8 jun 2021
- 3 Min. de lectura

O Partido Popular de Oroso urxiu hoxe unha explicación de por que os bombeiros de Santiago non acudiron ao incendio que tivo lugar nun edificio da rúa Rosalía de Castro o pasado venres e que custou a vida a unha muller, mentres que o seu fillo continúa hospitalizado. Ante as informacións que aseguran que se solicitou o servizo por parte do 112, os populares de Oroso consideran que o alcalde debe esixir unha explicación ao Concello de Santiago, xa que desta administración dependen os profesionais que deberían ter acudido a axudar aos bombeiros de Ordes no sinistro.
Segundo asegurou o voceiro popular, Alexander Doval, a negativa do Concello de Santiago de enviar aos bombeiros a Oroso “é un feito inaceptable, inadmisible e que non pode volver suceder”, cuestión pola que esixen unha postura firme do alcalde ante o goberno local de Santiago.
Pola súa banda, o grupo de goberno do Concello de Oroso aclarou que desde o momento en que se declarou o incendio, o alcalde de Oroso, Luis Rey, estivo en contacto permanente con todas forzas de seguridade e as autoridades competentes. Sinalan que o Concello de Santiago aclaroulle persoalmente ao alcalde de Oroso horas despois do incendio que para poder deixar a cidade, os bombeiros deben recibir unha comunicación a través da Dirección Xeral de Protección Civil da Xunta de Galicia, activándose o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga). Así o indica o protocolo. A propia Axencia Galega de Emerxencias notificoulle aos bombeiros de Santiago que xa se ían desprazar a Sigüeiro os bombeiros de Arzúa, polo que non era necesario que foran eles.
O grupo de goberno de Oroso lamenta profundamente" que o grupo municipal do PP utilice este triste suceso para intentar sacar réditos políticos, confundindo á cidadanía con declaracións que non se axustan á realidade".
Seguindo o procedemento, sinala o Concello de Santiago
Dende o Concello de Santiago, fontes municipais sinalan que "os bombeiros de Santiago actuaron seguindo o procedemento establecido", e "en ningún momento se lle comunicou que había vidas en perigo no incendio". O servizo de extinción de incendios e salvamento do concello de Santiago de Compostela recibiu, sobre as 12:30 h. do venres, 4 de xuño, unha chamada do 112 AXEGA. Emerxencias Galicia avísándoos da situación, sinalan dende o Concello compostelán, e comunicándolle que os medios que estaban alí, neste caso os bombeiros de Ordes, precisaban dun relevo. "A petición foi para relevar aos bombeiros de Ordes, pero en momento algún se lles dixo que había unha persoa atrapada, nin vidas en perigo", salientan.
"Esta comunicación de relevo realizóuse a través do 112 AXEGA, sen seguir o procedemento establecido", aclaran fontes municipais. Engaden que "o Servizo de extinción de incendios do Concello de Santiago é un servizo municipal, e para poder deixar Compostela sen bombeiros deben recibir a comunicación a través da Dirección Xeral de Protección Civil da Xunta de Galicia; como se fixo hai unhas semanas, cando acudiron ao incendio de Jealsa, en Boiro". Finalmente, foron os bombeiros de Arzúa os que se desprazaron a Santiago.
No Servizo de extinción de incendios de Santiago de Compostela lamentan o falecemento dunha persoa, e aseguran que en ningún momento se negaron a actuar neste lume, e que foi desde AXEGA, en última instancia, desde onde se lle comunicou que quedaran en Santiago ante a actuación dos bombeiros de Arzúa.
留言