O BNG de Ordes denunciu a finais da semana pasada a derruba dos valos no tramo do Camiño Inglés ao paso por Carrás. A caída impide o tránsito e forma acumulacións de auga de certa profundidade.
Esta situación prodúcese logo das intervencións efectuadas pola “Axencia de Turismo de Galicia”, as cales foron cuestionadas con contundencia polo BNG de Ordes, que non dubidou no mes de outubro, en cualificar a actuación como unha “agresión ao Camiño Inglés”, considerando a intervención como “innecesaria nun dos poucos tramos nos que se conserva a corredoira cos seus valos e arborado autóctono”.
Ante o estado que presenta o citado tramo do Camiño Inglés, o BNG de Ordes a través do seu portavoz Pablo Vidal, rexistrou unha moción no concello esixindo ao goberno da Xunta “depurar responsabilidades e levar a cabo as medidas precisas para que esta situación non volva a repetirse nunca mais”. Na iniciativa, os nacionalistas tamén procuran convidar á Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a posicionarse sobre o acontecido.
Comments