Detectado un caso de EHE nunha explotación gandeira de Mesía
- Crónicas da comarca
- 18 oct 2023
- 2 Min. de lectura

A Xunta vén de declarar un novo foco de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en Mesía. Como no resto de casos detectados en Galicia (oito en total, incluíndo este), só se atopou a doenza nun animal da explotación. Os servizos veterinarios oficiais tomaron mostras do animal sospeitoso, confirmándose a enfermidade no Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid.
A EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Polo tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno sen infección nos animais.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Esta doenza non afecta ás persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.
A EHE afecta especialmente a ruminantes silvestres, fundamentalmente cervos, tamén corzos ou gamos. No gando doméstico só o gando bovino resulta afectado coa aparición de síntomas nalgúns animais. O gando ovino pode tamén infectarse pero non aparece sintomatoloxía
As medidas preventivas, dado que non existe vacina nin tratamento, van encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector, en concreto evitando a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, como zonas con materia orgánica húmida ou lama. Tamén se recomenda utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno. No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe avisarse de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.
Comments