top of page

Detido pola Garda Cilvil un home de Mesía acusado de explotación, trata, agresión sexual, prostitución, detención ilegal, danos contra a integridade moral, estafa e fraude



A Garda Civil de Cambre detivo a un home como suposto autor dos delitos de explotación laboral, trata de seres humanos, agresión sexual, prostitución, detención ilegal, contra a integridade moral, defraudación de fluído eléctrico e estafa, na fase de explotación da operación Loraba.

A mencionada operación, tutelada polo Xulgado de Instrución nº 2 de Ordes, iniciouse o día 07 de xuño do ano pasado, tras ter coñecemento os compoñentes da mencionada Unidade da posible comisión de varios delitos sobre unha muller menor de idade.

Esta persoa comunicoulles aos gardas civís actuantes que, facía uns meses viu un anuncio na internet que ofertaba un emprego de camareira, contactando co suposto empregador a través do número de teléfono que aparecía nel, unha vez concretadas as condicións que simulaban ser excelentes, empezou a traballar ese mesmo día na quenda de tarde, finalizando a súa xornada ás 03:00 horas.

Tras finalizar a súa primeira xornada laboral, o xefe, que estaba acompañado por dúas mulleres, convidouna a tomar unha copa con eles para celebrar a súa chegada á empresa, tras tomar a segunda copa comezou a sentirse mal, lembrando vagamente o que sucedeu esa noite, estando entre eses recordos o atopase espida encima da mesa de billar e que o seu xefe agrediuna sexualmente, á mañá seguinte amenceu nunha das habitacións do establecemento da cal non podía saír por atoparse a porta pechada con chave, despois dun intre esperta, entrou o xefe e volveuna a agredir sexualmente, abandonando ela o club ás poucas horas. A Garda Civil investigou os feitos en aras de constatar a súa veracidade e deter ao presunto autor do ilícito no seu caso.

No transcurso da complexa e difícil investigación na que contaron coa colaboración da avogada da OID de Sos Racismo Galicia, os compoñentes do ETPJ, descubriron a existencia doutras 23 posibles vítimas desta persoa.

O modus operandi do detido, consistía en inserir anuncios nunha páxina da internet, ofertando traballos de camareira, limpadora, pintores, albaneis, persoal para reformas etc.

A súa intención era a de captar mediante engano persoas vulnerables, preferiblemente inmigrantes en situación irregular, non só pola súa idade, nin a súa capacidade, se non pola súa situación precaria económica e legalmente, en toda a xeografía española.

Unha vez a posible vítima establecían contacto con el, comunicáballes as condicións do emprego nas cales supostamente se incluía o aloxamento, polo que debían abonar un importe en concepto de fianza, tendo que solicitar moitas delas diñeiro aos seus familiares no seu país ou contratar créditos para facer fronte á mesma, sendo a criterio dos investigadores a estafa desta cantidade inicial o motivo principal da captación de persoas.

Unha vez cobrada a fianza, trasladaba os empregados a dous locais de alterne da súa propiedade, para realizar os labores contratados, devanditos locais carecían de auga corrente, pernoitando a maioría deles hacinados no chan, carecendo de liberdade para a entrada e saída do local, permanecendo en todo momento baixo a ameaza de ser denunciados ante as forzas de seguridade pola súa situación irregular en España coa consecuente apertura dun suposto expediente de expulsión.

A dúas das mulleres contratadas ofertoulles posteriormente traballar no club de alterne como prostitutas, quedándose con gran parte ou coa totalidade da cantidade que os clientes abonaran polos seus servizos.

Como froito do traballo de campo realizado polos membros do ETPJ, corroboráronse outros dous casos de agresións sexuais ás súas empregadas, realizadas supostamente baixo submisión química, detectando tamén que o club dispoñía de dous dobres acometidas de subministración eléctrica segundo informe dos técnicos da empresa subministradora.

A Garda Civil procedeu á detención desta persoa como suposto autor dos delitos de explotación, trata de seres humanos, agresión sexual, prostitución, detención ilegal, danos contra a integridade moral, estafa e defraudación do fluído eléctrico.


Comentarios


bottom of page