top of page

Difunden a historia e o plano da Torre de Sigüeiro



A Asociación Cultural 'Obradoiro da História' está a difundir o plano e mais a historia da Torre ou Casa Forte de Sigüeiro, que o historiador Héitor Picallo deu recentemente a coñecer. Grazas a este plano, Manuel Pazos Gómez, historiador local, recompilou a historia da Torre Fortaleza, baseándose nas investigacións de Héitor Picallo e nas fontes orais da veciñanza de Sigüeiro.


A torre atopábase situada a rentes da Praza da Foca e ao lado do antigo Camiño Real, hoxe denominado Camiño Inglés. Existe documentación segundo a cal Fernán Yáñez vendeu esta casa en 1511 ao Hospital Real compostelán. Despois diso foi arrendada en 1523 a Tiana Gómez de Sales. Xa en 1605, un documento referencia esta vivenda como Torre e Casa de Sigüéiro, e uns anos despois invértese o nome a Casa e Torre de Sigüeiro.


Máis de dous séculos despois, en 1839, Antonio de la Iglesia realizou un debuxo-plano da Casa Forte no cal se recollen elementos como as murallas, as dependencias, as escaleiras, o patio ou o foxo. Durante a I Guerra Carlista, entre 1833 e 1840, a Casa Torre acolleu un destacamento militar gobernamental, e nela foron retidos dirixentes carlistas. Existe un documento no que o Comandante xeneral de Ourense dá conta que os militares capturaron o 7 de agosto de 1839 ao faccioso carlista Antonio Mosquera, da parroquia de Poulo, e que o “entregaron no Forte de Sigüeiro”.


Os historiadores Héitor picallo Fuentes e Manuel Pazos Gómez deducen desta documentación que o elemento arquitectónico referido como Torre, Casa Torre, Casa Forte e mesmo Forte Carlista nas fontes é unha única edificaciín. Actualmente atópase desaparecida, pero sobreviviu o topónimo Tras da Torre como nome dunha das máis antigas rúas de Sigüeiro.


Posteriormente no lugar existiu a casa de Francisca Rico (que foi mesón e escola) mais está por comprobar se esta era unha das dependencias da Casa Forte ou Torre, xa que non quedan restos para seren analizados.



Comentarios


bottom of page