top of page

Dous detidos en Ordes tras unha pelexa na madrugada do venres ao sábado


Imaxe de arquivo dunha detención pola Garda Civil

A Garda Civil de Ordes detivo a dous veciños do municipio como presuntos autores de dous delitos de lesións. Os feitos ocorreron por mor da alerta recibida por unha patrulla ás 7 da mañá do pasado sábado, 23 de abril. Segundo souberon polo aviso, estaba a producirse unha pelexa grupal no Campo da Feira.


Unha vez no lugar indicado, os efectivos actuantes constataron que nese momento non había ningunha pelexa, aínda que se apreciaban restos de sangue no lugar. Rastrexaron a zona próxima para localizar a algún dos implicados ou a algunha testemuña. No transcurso da inspección os gardas civís acharon e identificaron a dúas persoas nas inmediacións. Estas revelaron que minutos antes houbera unha gran pelexa na zona na que un grupo de mozos agrediu a un coñecido seu que tivo que trasladarse ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Ordes para ser atendido das feridas sufridas.


A Garda Civil acudiu ao PAC para entrevistarse co suposto agredido, atopándose á súa chegada que eran dúas as persoas que estaban a recibir atención médica. O primeiro presentaba feridas cortantes no rostro e os segundo hematomas e edemas no rostro así como a perda de dúas pezas dentais. Os efectivos actuantes preguntáronlles cal fora a causa das lesións, comentando ambos os dous que sobre as 7 da mañá se atopaban nun local de hostalaría próximo ao Campo da Feira, cando sen saber o motivo un dos detidos comezou unha discusión cun dos lesionados, agredíndoo a continuación, sumándose nese momento máis persoas á agresión. No transcurso da mesma o segundo lesionado tentou auxiliar ao primeiro, sendo agredido tamén.


A Garda Civil iniciou unha investigación e no transcurso da mesma conseguiron a identificación dos supostos agresores, resultando ser dous veciños de Ordes coñecidos polas forzas de seguridade por varios episodios similares. As vítimas non puxeron denuncia das agresións e ameazas recibidas por temor.


A Garda Civil detivo a estas dúas persoas como presuntos autores de dous delitos de lesións.

Comments


bottom of page