A guía gratuíta “20xvinte O Camiño Inglés 2021”, elaborada pola empresa 20xvinte e promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña, fai un percorrido polas distintas etapas desta ruta xacobea. Das saídas desde Ferrol e a Coruña ao seu nacemento na abadía inglesa de Finchale, a guía, que conta cunha primeira edición de 6.000 exemplares, recolle datos sobre esta ruta xacobea.
O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, recibiron cadanseu exemplar da man da directora de 20xvinte, Mónica S. Castromil. Un acto no que estiveron acompañados polo deputado provincial Antonio Leira; pola xefa de servizo de Turismo da Deputación da Coruña, Maite Loureiro, e pola xerente da asociación, Cristina García.
Segundo Manuel Mirás, quen agradeceu o apoio da Deputación, esta guía é o primeiro de varios folletos,"tanto xerais como para cada ruta”. Pola súa banda, Mónica Castromil salienta que “o Camiño Inglés é unha ruta emerxente e cuxas etapas discorren por unha soa provincia”.
Onde atopala Cen exemplares da guía, que está escrita en tres idiomas (galego, castelán e inglés), foron enviados a cada un dos 16 concellos da Asociación de Concellos do Camiño Inglés. Tamén pode atoparse en hoteis e oficinas municipais de turismo da provincia. Ao longo das súas máis de medio cento de páxinas, recolle breves recomendacións realizadas por vinte embaixadores e embaixadoras do Camiño Inglés, persoas á fronte de blogs e redes sociais dedicadas ao Camiño Inglés tanto desde España coma do resto do mundo.
Comments