top of page

Eliminado un punto negro na estrada DP-2403 ao paso por Queixas, Cerceda


A Deputación da Coruña vén de eliminar un punto negro da estrada DP-2403 ao paso pola parroquia de Queixas e no acceso ao lugar de Ubal, en Cerceda. Estas obras modificaron o trazado, anchearon a calzada e incluíron un carril de deceleración. A zona rexistrou sempre unha alta sinistralidade.


Esta semana o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, mantivo unha xuntanza coa deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, á que tamén asistiron os concelleiros Francisco Boquete e Jesús Rama.


A nova sección transversal, entre os puntos quilométricos 4+680 e 4+925, está conformada por carrís de 3,5 metros de ancho, beiravías de 1 metro en ambas marxes e o carril de incorporación de 3 metros.


Mónica Rodríguez destacou durante a visita que "a pesar de ser unha intervención dunha índole técnica distinta ao que estamos acostumados e acostumadas, xa que houbo que modificar o trazado, o resultado salta á vista", e asegurou que "a seguridade viaria nesta zona verase incrementada, cuestión prioritaria para o goberno provincial".


Pola súa banda, o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, lembrou que esta obra "foi unha das primeiras peticións que lle fixen ao presidente Valentín González Formoso como alcalde" e agradeceu o cumprimento deste compromiso, "que supón unha mellora moi importante na seguridade ao incrementar o ancho da estrada, mellorar a visibilidade e a intersección que dá acceso a Ubal", subliñou.


O rexedor agradeceu esta primeira visita a Cerceda de Mónica Rodríguez e aproveitou para sinalar outras necesidades viarias do concello. Juan Manuel Rodríguez agradeceu tamén "o apoio constante da Deputación a Cerceda" en materias como as obras, o emprego ou os servizos sociais.

Comentários


bottom of page