top of page

Estas son as restricións en Oroso e Trazo para o vindeiro mes

Actualizado: 25 nov 2020



A Xunta manterá dende as 00h do sábado e ata o 4 de decembro unhas restricións perimetrais máis fortes en todas as cidades galegas e nos seus concellos limítrofes ou próximos máis afectados pola pandemia. Nestes concellos, como en todo o territorio español, o uso de máscara fóra da casa segue a ser obrigatorio. O mantemento da distancia interpersoal e da hixiene de mans tamén se consideran medidas necesarias para conter a epidemia.

Recoméndase ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables ao COVID-19 e a quen padeza doenzas ou dificultade respiratoria e non poida usar máscara que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia na rúa e nos locais comerciais, para reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas.

Aquelas persoas que padezan sintomatoloxía (febre, calafríos, tose, sensación de falta de are, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos) deberán permanecer no seu domicilio e comunicalo ao seu servizo sanitario.

Para calquera actividade social ou familiar, os grupos non poderán exceder as seis persoas, e deberán estar constituídos exclusivamente por persoas conviventes. Non poderán xuntarse entre si aquelas persoas que non compartan domicilio. As únicas excepción contempladas a esta norma son os labores de asistencia e coidados de maiores e dependentes; as actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores, e administrativas; as educativas ou ocupacionais e a práctica de deporte federado, coas medidas oportunas de protección.

No caso de Oroso e Trazo, só se poderá circular no ámbito territorial formado por Santiago con este dous concellos e cos de Ames, Boqueixón, O Pino, Teo, Val do Dubra e Vedra. Novamente, hai excepcións: para a asistencia a centros sanitarias; en cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais; para asistencia a centros educativos; por retorno ao lugar de residencia; por asistencia e coidado de maiores e dependentes; por desprazamento a entidades financeiras; por renovación de documentación oficial e trámites inaprazables; para realizar exames e probas oficiais inaprazables; por forza maior ou para calquera outra actividade análoga acreditada.

O toque de queda nocturno continúa entre as 23h e as 6h, coa excepción de visitas a farmacias e comercios de primeira necesidade; a asistencia a centros sanitarios e veterinarios de urxencia; o cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais; retorno ao fogar; coidado de maiores e dependentes; forza maior; repostaxe de vehículos cando é necesario para algo do anterior ou outras circunstancias análogas.


Actividades e aforamento

Sobre as actividades sociais, a normativa contempla regulamentacións distintas segundo a natureza da mesma. Volven estar prohibidas festas, verbenas e eventos semellantes. No relativo á práctica relixiosa ou funeraria, os velorios volven limitarse a 25 persoas en espazos ao aire libre e 10 en espazos pechados, sexan ou non conviventes. Os enterros limítanse a 25 persoas, tamén conviventes ou non. O aforo máximo de igrexas e lugares de culto será do 50% da capacidade, con máximo 25 persoas. Non se poderá celebrar o culto no exterior. As vodas e outras cerimonias non poderán xuntar a máis de 100 persoas ao aire libre e 50 no interior.

Nos mercados locais non se pode superar o 50% dos postos autorizados. No comercio, o aforo máximo será do 50% e o atendemento preferente aos maiores de 75 anos. No caso dos centros comerciais, a maiores destas consideracións, estará prohibida a presenza de clientes nas zonas comúns excepto para o tránsito entre os establecementos. Nestas zonas a capacidade queda limitada ao 33%. Prohíbese a utilización das zonas recreativas (zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso), que deberán permanecer pechadas.

Autoescolas e locais de ensino non regrado deberán limitar o seu aforo ao 50%, ao igual que os albergues turísticos. Nos hoteis e aloxamentos, calquera actividade de animación deberá ter como máximo seis persoas.

A hostalería é un dos sectores máis afectados polas novas medidas e anuncia mobilizacións. Os establecementos deberán pechar, e prestarán exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local. Poderán manterse abertos os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores deles ou, no caso dos centros sanitarios tamén a acompañantes de doentes. O aforo máximo do 50%, e o consumo en mesa, con máximo de seis persoas conviventes.


Cultura e deportes

As bibliotecas, museos e semellantes non poderán celebrar actividades en grupos, agás para conviventes -sen ter en conta o monitor-. Cines, teatros e auditorios terán un aforo de 75 persoas en exteriores e 30 en espazos pechados. Poderase ampliar ese límite en casa caso se o autoriza a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Os centros de lecer infantil pecharán durante este mes.

No deporte, só se poderá practicar actividade federada, con protocolos específicos. A actividade non federada deberá ser practicada individualmente ou en grupos de conviventes, sen contacto físico. En instalacións, só se poderá facer deporte en solitario con aforo do 50%.

As piscinas de uso deportivo terán un 50% de aforo e máximo de 100 persoas, sempre entrando e saíndo con máscara. As recreativas pecharán.

Os eventos deportivos con público terán que ter o aforo do 50%, con máximo de 75 persoas ao aire libre e 30 en interiores, sempre sentadas. Tamén se poderá ampliar co permiso da Dirección Xeral de Saúde pública.

Pechados e abertos

En todo caso, os establecementos que poderán abrir serán cines, teatros, auditorios, recintos de espectáculos deportivos e estadios e pavillóns, ximnasios, piscinas de competición, museos, bibliotecas e salas de conferencias.

Deberán pechar circos, salas de xogo e apostas, pistas de patinaxe e piscinas recreativas, parques temáticos, salas de concertos, bares, cafeterías, restaurantes, zoolóxicos e botánicos, salas de festas, furanchos, pubs e discotecas, entre outros establecementos análogos.

Os locais que en todo caso permanecerán abertos serán os de alimentación, farmacéuticos, perruqueiros, gasolineiras, estancos, prensa, tecnoloxía, lavandaría e tinturarías, entre outros. No resto de locais comerciais rexen as normas de limitación xeral 850% de aforo, máximo 30 persoas en interiores).

Nos centros cívicos e sociais, abrirase co 50% do aforo.

Actividades infantís

As actividades realizaranse en grupos burbulla de 6 persoas (conviventes ou non), incluídos os monitores, e sen contacto entre os demais grupos. En interiores faranse co 50% da asistencia habitual, cun máximo de 25 persoas, incluídos os monitores. E exteriores, o máximo será de 50 persoas.

Nos parques infantís, a capacidade máxima será dunha persoa por cada 4 metros cadrados.


Incidencia acumulada

No último mapa da Xunta sobre incidencia acumulada entre semana de casos de COVID- 19, Oroso subiu ao nivel de alerta laranxa, uníndose a Cerceda. Ordes mantense, pola súa banda, en vermello. Frades, Mesía, Tordoia e Trazo seguen en verde, malia incluírse este último concello no peche perimetral compostelán.

留言


bottom of page