top of page

Estudan accións para reforzar o coñecemento do Camiño Inglés en Gran Bretaña



A visita realizada o pasado mes de marzo a Durham por unha delegación da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e da Deputación da Coruña continúa a dar os seus froitos un mes despois. Esta delegación, encabezada pola xerente da Asociación, Cristina García Souto, e polo deputado provincial Antonio Leira, mantivo unha reunión de traballo con Michelle Gorman, directora xerente de Visit County Durham, e Graig Wilson, director de marketing e desenvolvemento turístico.


Unha reunión na que ambas entidades puxeron en común o que estaban facendo nos seus respectivos territorios e na que acordaron manter o contacto de cara a planificar accións futuras. “Así, Visit County Durham e Norhern Saints Trails confirmáronos que van colocar na Inglaterra seis paneis informativos sobre o que é o Camiño Inglés en Galicia e nós temos a intención de facer o mesmo aquí”, explica Cristina García, quen engade que “tamén pensamos editar unha guía ou folleto do inicio do Camiño Inglés na Inglaterra para sumalo ao resto das etapas actuais, dende A Coruña e Ferrol”.

O obxectivo de ambas entidades é promover o coñecemento desta ruta xacobea tanto en Galicia como na Inglaterra, así como facilitar o intercambio de peregrinos entre ambos países: que haxa españoles que desexen iniciar o Camiño Inglés na abadía de Finchale e que haxa ingleses que crucen o mar e continúen a súa peregrinación ata Compostela. De feito, dende Visit County Durham amósanse moi satisfeitos por este primeiro acordo que “contempla o intercambio das mellores prácticas entre Visit County Durham, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña en marketing turístico, promoción e mellora do Camiño Inglés, Northen Saints Trails e outras rutas de peregrinación, creando maiores beneficios económicos tanto para Galicia como para o condado de Durham”.


Neste sentido, Cristina García salienta que “se trata dun primeiro paso pero penso que pode ser moi produtivo, porque estamos empezando a traballar xuntos e podemos complementarnos moi ben á hora de traer e levar xente de Inglaterra a Galicia e de Galicia a Inglaterra, enriquecendo aínda máis a experiencia do Camiño Inglés”.

Comentários


bottom of page