
O quinteto Familia Caamagno, de Sigüeiro, acaba de sacar "Xuntos", unha versión do mítico tema de Juan Pardo acompañada dun videoclip dirixido, como é habitual na banda, polo realizador e cineasta cervense Xaime Miranda. Nel, a banda orosá non só leva ao seu estilo este clásico oitenteiro das verbenas, se non que o mestura a nivel visual cunha potente simboloxía e estética soviética. E para conseguir este obxectivo tiveron a colaboración tanto do equipo de fútbol sala da súa vila Unión Soviética de Sigüeiro como como do catalán Alejandro Cao de Benós, moi coñecido nos medios de comunicación estatais por ser delegado de relacións culturais da República Popular Democrática de Corea, Corea do Norte, e presidente da Asociación de Amizade con Corea.
Juan Pardo, cantante galego de pop nacido en Palma de Mallorca, sacou "Xuntos" en 1987, e a súa canción serviu como banda sonora de campañas electorais do Partido Popular de Galicia. Porén, Familia Caamagno dalle agora un significado totalmente diferente, non sen retranca. No videoclip, os membros do grupo aparecen caracterizados con estética militar soviética e se recrean cartaces propagandísticos comunistas, ao tempo que Cao de Benós aparece entrenando ao Unión Soviética Futsal.
Para o equipo de fútbol sala, idóneo polo seu nome para o videoclip, a nova canción é "o himno da nosa amada República Socialista de Sigüeiro", ao que eles aportaron "a formación militar". Familia Caamagno, pola súa banda, nestes tempos especialmente duros para os pobos dos países que no seu día formaron parte da Unión Soviética, proclaman "menos bombas e máis kolghós". O video contou co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, a AGADIC, dependente da Xunta de Galicia, e fai parte tamén dunha campaña publicitaria da empresa leiteira Deleite.
Comentários