O Pleno Municipal do Concello de Frades aprobou en sesión plenaria extraordinaria a proposta da Alcaldía do Plan Único de Concellos “POS+ 2024”, que destinará 357.399,43 euros a obras e 202.620,17 euros a gasto corrente. Unha proposta que saíu adiante cos votos a favor de PP e BNG, e coa abstención do PSOE.
A Achega Provincial 2023, destinada a investimentos financeiramente sostibles, será investida integramente en dous proxectos: “Mellora de accesos a Fontao (Abellá) e outro” (87.673,14 euros) e “Mellora de accesos a Vilarxoán (Vitre) e outros” (69.460,87 euros). O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “estes proxectos tratan de reparar os accesos aos núcleos do concello que están en peor estado, achegar a pavimentación a varias vivendas illadas e rematar a mellora da capa de rodaxe, despois do seu ancheamento, dunha das principais estradas que atravesa o noso concello dende a parroquia de Abellá (Tañoi) á de Frades (Vilar), pasando por Papucín”.
O primeiro dos proxectos inclúe a mellora dos accesos a dous núcleos de poboación da parroquia de Abellá: Fontao e O Pazo. No caso de Fontao, mellorarase a capa de rodaxe dunha estrada de 1.500 metros con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas. Ademais, construirase unha cuneta de 140 metros de longo por 2 metros de ancho que mellorará a seguridade viaria dos peóns e permitirá a recollida das augas pluviais a través da instalación de 8 arquetas con sumidoiro. No caso do Pazo, a actuación será semellante, salvo que neste caso será sobre unha estrada de 80 metros de longo e sobre a que se construirá unha cuneta de 90 metros de longo por 1,5 metros de ancho sobre a que se executarán cinco arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais.
O segundo proxecto inclúe cinco actuacións: a mellora dos accesos aos núcleos de Vilarxoán (Vitre), Ansemonde (Abellá), Castiñeiro Redondo (Moar) e Maquía (Papucín), así como a pavimentación dun camiño en Tarrentos (Añá). En total, actuarase sobre 2.190 metros de estradas de acceso a estas localidades, onde se mellorará a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes.
Así mesmo, aprobouse o Plan Complementario por 200.265,42 euros para o proxecto “Reparación da capa de rodaxe do viario de Papucín (Frades) e outros”. Unha iniciativa que inclúe outras tres obras máis, como son a mellora dos accesos a Chamuín (Abellá), Ribadas (Ledoira) e A Grela (Galegos). En Papucín mellorarase a capa de rodaxe dunha estrada de 2.840 metros de longo por 5,5 metros de ancho con tres centímetros de mestura bituminosa, previa reparación de baches e con posterior pintado de sinalización horizontal, liñas de bordes incluídas. Nos outros tres casos, actuarase sobre 1.745 metros de estradas de accesos a núcleos, nas que se repararán as fochancas e se mellorará a capa de rodaxe. Nos accesos a Chamuín tamén se instalará un sinal de Stop.
Gasto social
Finalmente, o Pleno municipal tamén aprobou o POS+Adicional 1/2004 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios por un importe de 57.891,48 euros. Unha iniciativa que foi aprobada cos votos a favor do PP e do PSOE, así como a abstención do BNG.
A maior parte deste achega, case 30.000 euros, irá destinada á ampliación do servizo de axuda no fogar. Ademais, achegaranse outros 16.000 euros para atención de persoas especialmente vulnerables e 7.000 euros para axudas de emerxencia a familias en risco de exclusión social.
Comments