top of page

Frades aproba os Orzamentos 2022 e o POS+2022 en pleno



O Pleno de Frades aprobou os Orzamentos para 2022, que con 2.839.727,31 euros supoñen un incremento do 15% a respecto dos de 2021. O alcalde, Roberto Rey, salientou que estas contas “garanten a eficacia e a eficiencia na xestión" e "teñen en conta a inestabilidade provocada pola pandemia". O rexedor considera que estes orzamentos "pretenden converter a Frades nunha administración solvente e ben xestionada”.


Os Orzamentos 2022 saíron adiante cos 7 votos a favor do Grupo de Goberno do PP e as 4 abstencións de PSOE e BNG.


Roberto Rey asegurou que estas contas "incrementan nun 22,75% o investimento en obras e servizos sociais, facilitándolles aos veciños e veciñas unha boa saída da pandemia”. Así, a partida destinada a investimentos reais ascende a 1.045.000 euros. Un capítulo no que se inclúen as inversións do POS+ (que se aprobaron nun punto posterior), así como as achegas do IDAE ao proxecto de aforro enerxético que permitirá cambiar a tecnoloxía LED todo o alumeado do municipio.

De feito, coa primeira fase executada do plan de aforro enerxético “conseguimos aumentar o gasto en conservación de estradas compensándoo co aforro enerxético que conseguimos no alumeado público”, sinalou o alcalde. Así, o capítulo de bens correntes medra un 4,87% ata os 970.023 euros, que financiarán servizos como a recollida de lixo, saneamento, abastecemento de auga, alumeado público, mantemento de áreas públicas, roza de estradas, mantemento de camiños municipais, actividades deportivas, culturais e a financiación dos Servizos Sociais de Frades, entre os que se inclúen fisioterapia, podoloxía e perruquería gratuíta a domicilio para as persoas maiores e dependentes.

A pesar da entrada en vigor este ano de dúas ordenanzas municipais con axudas ao fomento da natalidade e bono-taxi para maiores que teñan que facer desprazamentos médicos e non dispoñan doutro medio de desprazamento, a partida de transferencias correntes descende debido a unha menor achega á Mancomunidade de Ordes, entidade na que o Concello de Frades ten delegadas a prestación do servizo de axuda a domicilio, nas modalidades de libre concorrencia como de dependencia, atención temperá, igualdade, CIM, traballo social… “Este ano ingresaremos na Mancomunidade 273.135 euros grazas ao incremento da achega da Xunta de Galicia, que será de 214.000 euros en 18.000 horas anuais”, xustificou Rey Martínez.

Finalmente, o capítulo de gastos de persoal medra un 0,55% ata os 432.732 euros e contempla un incremento do 2% para o persoal e o mantemento dos soldos do alcalde e concelleiro de Economía.


Non medran as taxas

As ordenanzas e taxas de Frades manteranse un ano máis conxeladas. "Manteremos as bonificacións do 95% da cota íntegra do IBI naqueles inmobles onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario e manteremos tamén a redución da taxa do lixo, trasladando a redución que nos fai a Xunta pola boa separación do lixo e que nós trasladaremos aos veciños e veciñas de Frades”, asegurou o alcalde. As previsións de ingresos por taxas municipais é de 234.000 euros.


Por outra banda, os ingresos por impostos indirectos como o ICIO medran un 2,11% ata os 60.000 euros e os impostos directos (IBI, IAE, Vehículos) medran ata os 697.484 euros debido á aplicación dos cambios de valoración catastral froito da entrada en vigor do primeiro PXOM de Frades.


Debate plenario

No debate plenario, o voceiro do PSOE, Enrique Astray, xustificou a súa abstención en que o coeficiente do IBI de urbana en Frades é do 0,45%, cando a Lei permite un mínimo do 0,4%. “Gravar na saída da pandemia non o compartimos”, afirmou. O alcalde de Frades lembroulle que o Concello non só ten o coeficiente de rústica nos niveis máis baixos, senón que baixou no 2015 o de urbana do 0,6% ao actual 0,45%. “Están a falar dun 0,05%, que non son máis ca uns 20.000 euros para absterse duns orzamentos que son bos para Frades e para os seus veciños”, lamentou Rey Martínez.


Pola súa banda, o voceiro do BNG, Manuel Míguez, xustificou a súa abstención na tardanza na presentación dos orzamentos e en que “os veciños teñen que pagar máis impostos”, en referencia tamén ao IBI. Roberto Rey lembrou que “máis do 60% dos concellos están aprobando os orzamentos nestes días agardando saber con que subvencións poden contar” e insistiu en que “non se suben os impostos, son cambios derivados da aprobación do PXOM”.


Finalmente, o voceiro do PP, Manuel Ferreiro, agradeceu o esforzo dos traballadores municipais á hora de elaborar os orzamentos, que destacan “polo seu forte carácter inversor, con máis dun millón de euros para poñer en valor as infraestruturas do Concello e facilitar unha boa saída da pandemia”. Así, anunciou que “agardamos poder confirmar en breve un convenio coa Consellería de Sanidade para mellorar os dous centros de Saúde, de Ponte Carreira e de Abellá”. Ferreiro Marzoa insistiu en que “son uns orzamentos ambiciosos, que tocan todos os aspectos clave e son os que necesitan os veciños e veciñas para saír da pandemia sen que quede ninguén atrás”.


Aprobación do POS+2022

Por outra banda, o Pleno aprobou tamén o POS+2022 e o POS+ Adicional 2022. Frades recibirá este ano 251.358 euros do POS+2022, fronte aos 326.541 euros recibidos inicialmente en 2021. Destes cartos, o Concello destinará os 161.138,64 euros da Achega 2022 a gasto corrente e os 12.085,48 euros do Préstamo Provincial a amortizar o préstamo do centro sociocultural de Ponte Carreira. Finalmente, os 78.154,08 euros da Achega 2021 destinaranse a un proxecto de obras que inclúe melloras no camiño entre Currás e Ponte Raselo, nos accesos a Castiñeiro Redondo (Moar), na estrada de Castiñeiro Redondo co límite co Concello de Oroso, nos accesos á Torre (Aiazo) e Sanamil (Añá), así como na estrada entre o Pazo de Galegos e o límite con Ordes.


O Concello tamén presentou un Plan Complementario por 194.000 euros que inclúe o aglomerado da estrada entre A Cheda (Abellá) e a N-524, o aglomerado do camiño entre Campoduro e o Campo de Vitre e unha pavimentación dunha rúa en Ponte Carreira no seu cruce coa rúa do Ensino. Finalmente, os 56.398,52 euros do POS+ Adicional para gastos sociais (112.502 euros en 2021) destinaranse a ampliar o servizo de axuda a domicilio, emerxencia social e aluguer de equipos para persoas dependentes (grúas, camas adaptadas...). Ambas propostas foron aprobadas cos votos a favor do PP e as abstencións de PSOE e BNG.


Debate do POS

Durante o debate, Roberto Rey lamentou que “este ano recibamos un 30% menos do Plan Provincial e menos do 50% do POS Social. Chócanos isto cando o orzamento da Deputación medrou en máis de catro millóns de euros. Imaxinamos que son cartos que irán para nominativas en concellos afíns, cando este Goberno presumía de ter acabado coas nominativas pero o certo é que en 4 anos Frades vai ter unha nominativa de 68.000 euros para a compra dun tractor cando todos vemos o que pasa noutros concellos gobernados polo PSOE ou o BNG”.

O voceiro do PSOE, Enrique Astray, asegurou que “o POS non é como empeza, é como acaba. Despois incrementarase”, ao que o alcalde lle lembrou que as cifras comparadas son do inicio de ambos procedementos e que recollen xa unhas baixadas do 30 e do 50%. Finalmente, o voceiro do BNG, Manuel Míguez, emprazou aos presentes “a comparalos co último Goberno do PP e son moito mellores”.

Commenti


bottom of page