top of page

Frades aproba un suplemento de crédito de 98.000 euros para paliar o aumento de gasto


O Pleno Municipal de Frades aprobou na súa sesión ordinaria de novembro un suplemento de crédito de 98.084,68 euros con cargo a anulacións ou baixas de créditos doutras aplicacións e que será destinado principalmente a financiar o aumento de gasto en alumeado público e combustible. Unha proposta que foi aprobada cos votos a favor do Partido Popular e as abstencións de PSOE e BNG.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “hai que incrementar en 60.000 euros a partida inicial de 120.000 euros destinada a alumeado público debido ao aumento do prezo da luz e a pesar de que en Frades temos gran parte da nosa rede en tecnoloxía Led”. A partida destinada a combustibles pasa de 20.000 a 32.000 euros, debido ao incremento do prezo do gasoil e, vencellada a ela, tamén se incrementa de 25.000 a 31.000 euros os cartos dispoñibles para reparacións de maquinaria e apeiros. Finalmente, a partida dedicada a estradas e infraestruturas medra en 17.000 euros, ata case os 110.000 euros.


Estes 98.084,68 euros proceden de baixas doutras partidas, principalmente do adiamento ao exercicio 2023 da sinatura de dous convenios coa Xunta de Galicia para a reforma dos centros de saúde no municipio e a mellora da potabilizadora; así como das baixas na licitación de obras ao longo do ano (cifradas en 11.600 euros). Tamén se recollen os cartos da partida de axudas para nacementos, despois e que se agardaran 20 novos nacementos e tan só se acadaran dez. “Falamos de cartos consignados no seu momento pero que non se ían executar neste exercicio”, apuntou o alcalde de Frades.

Na sesión aprobouse por unanimidade a acta do pleno anterior e déronse conta dos decretos asinados nos últimos meses, toda vez que non houbo ningunha moción presentada polos grupos políticos municipais.

Comments


bottom of page