top of page

Frades bonificará o 95% o IBI das ganderías


O Concello de Frades anunciou hoxe que vai bonificar o 95% do IBI das explotacións gandeiras. Esta decisión afectará a unhas 200 explotacións de todo o municipio. O alcalde, Roberto Rey Martínez, sinala que “con esta bonificación o Concello deixará de ingresar máis de 21.000 euros, que quedarán nos petos dos nosos gandeiros”


O Concello de Frades aprobou as 158 solicitudes, correspondentes a 200 referencias catastrais, daqueles veciños e veciñas que solicitaron a bonificación do 95% da cota íntegra do Imposto de Ben Inmobles (IBI) por seren inmobles nos que se desenvolven exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario.


Rey Martínez, explica que “as 200 referencias bonificadas teñen un valor catastral de 6.891.291,05 euros, polo que tiñan que pagar 22.788,67 euros de IBI. Grazas á bonificación que aprobamos, o Concello de Frades deixará de ingresar 21.649,24 euros, que quedarán nos petos dos nosos gandeiros”.


Con respecto ao IBI agrario, o Concello de Frades revisou todas as referencias catastrais que cambiaron no Catastro a raíz da aprobación do PXOM para así aprobar de novo a bonificación para esas referencias. Agora corresponderalle á Deputación da Coruña, entidade na que o Concello de Frades ten delegada a recadación de taxas e impostos, aprobar formalmente as bonificacións.



Comments


bottom of page