A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o concello coruñés de Frades colaborarán na realización de repoboacións piscícolas nas canles fluviais do municipio de cara a propiciar a celebración de competicións infantís e xuvenís de pesca. Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor, Roberto Rey, no transcurso dunha reunión que mantiveron esta semana para falar de diversos asuntos de interese municipal.
En concreto e con relación ás accións previstas para repoboar os ríos que atravesan o concello, coincidiron en salientar a importancia deste tipo de medidas, que contribúen non só a mellorar a riqueza ictiolóxica da rede fluvial senón tamén a propiciar a celebración de eventos deportivos que esperten novas vocacións.
Neste sentido, a conselleira lembrou que a Lei de pesca continental, que entrou en vigor o pasado mes de febreiro, ten entre os seus obxectivos principais favorecer a remuda xeracional do sector a través de medidas que consigan atraer e introducir á xuventude na práctica da pesca fluvial pola vía da formación e da concienciación.
Precisamente, Ángeles Vázquez participou o pasado luns en Cerdedo-Cotobade nunha das primeiras accións divulgativas impartidas no marco das escolas de río, unha ferramenta nova prevista na Lei de pesca galega e inspirada na experiencia e nos bos resultados das comunidades que apostan por formar a nenos e mozos no coidado dos ríos.
Mellora da praza de Papucín
Noutra orde de asuntos, a conselleira e mais o rexedor tamén analizaron a posibilidade de que ambas administracións colaboren nun proxecto municipal urbanístico para a mellora da praza pública de Papucín. Ao respecto, Ángeles Vázquez trasladoulle que a Consellería ten reservados para este ano máis de 7,4 millóns de euros para obras destinadas a crear ou mellorar equipamentos municipais, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas.
De feito, cómpre lembrar que desde o ano 2010 a Xunta colabora coas entidades locais a través do chamado Plan Hurbe no financiamento de proxectos urbanísticos co obxectivo común de dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos seus veciños.
Comments