top of page

Frades e Cerceda terán apoio da Xunta para elaborar plans contra o cambio climático



O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de O Pino, Manuel Taboada, informaron hoxe da resolución da orde de axudas para redactar plans de acción fronte ao cambio climático. Trenor sinalou que un total de 18 concellos coruñeses recibirán algo máis de 105.000 euros en axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para redactar os seus propios Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (Paces), unha ferramenta de carácter técnico co obxectivo de avanzar na loita contra o cambio climático e o quecemento global en clave local. Entre os concellos beneficiarios das axudas atópanse, na comarca de Ordes, Frades e Cerceda.


Este é o segundo ano que a Xunta lanza unha orde de axudas dirixida especificamente ás entidades locais adscritas ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía co fin de axudalas na redacción dos seus respectivos Paces.

Os outros municipios da provincia da Coruña que resultaron beneficiarios ao abeiro desta última convocatoria son Teo, Irixoa, Neda, A Coruña, Rianxo, Valdoviño, Ares, Boiro, Arzúa, Cariño, Mazaricos, Negreira, Ortigueira, Outes, Pontedeume e O Pino.

Un Paces consiste na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Grazas a estas axudas da Xunta, os municipios poden afrontar o custo dos traballos de asistencia técnica necesarios para a súa elaboración.


Deste xeito, dáse cumprimento a un dos compromisos que asumen os concellos no momento da súa adhesión ao Pacto das alcaldías, integrando a loita fronte ao cambio climático como unha das variables que deben estar presentes na definición das políticas locais, tanto para reducir as emisións e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.


A Xunta, oficina en Galicia

O Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía púxose en marcha no ano 2008 e na actualidade está considerado o maior movemento de carácter internacional para buscar sinerxías fronte ao cambio climático entre as distintas administracións, cunha mención especial ao labor dos concellos pola súa relación directa cos cidadáns.


No caso de Galicia, a Xunta asumiu en 2017 o papel de coordinadora do movemento na Comunidade desde a convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse tamén desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa “pensa global, actúa local”.


Na actualidade xa son 271 os concellos adheridos ao Pacto, o que representa a unha poboación de preto de 2,2 millóns de galegos, unha boa mostra da acollida que está a ter este movemento en Galicia, sobre todo desde a creación da Oficina técnica de coordinación e asesoramento aos municipios no ano 2018.

Kommentare


bottom of page