Logo dunha edición marcada por un novo récord de participación (60 nenas e nenos de 4 a 12 anos), os Campamentos Municipais de Verán do Concello de Frades despedíronse ata o ano que vén cunha grande “Festa oitenteira” celebrada no polideportivo municipal de Ponte Carreira. Os campamentos, celebrados durante os meses de xullo e agosto, seguiron as distintas medidas de prevención fronte á Covid-19, como tamén fixo a festa de despedida.
Bandullo Azul foi un dos grandes puntos fortes do evento co seu gran espectáculo “Flipa cos contos”. Houbo ademais unha chea de xogos e sorpresas para toda a rapazada presente, como a elaboración de distintos zumes de froitas a cargo das persoas monitoras de Vagalume Ocio e Tempo Libre ou a entrega de lambonadas por parte do alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Xuventude, Juan Carlos Portos, que se sumaron á celebración.
Os campamentos, organizados polo Concello, contaron coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e mais do Fondo Social da Unión Europea.
Comments