top of page

Frades prepara un verán variado para toda a familia



O Concello de Frades está a repartir estes días entre todos os veciños e veciñas do municipio un folleto coa programación para o verán 2021, con ofertas para todas as idades. A programación recolle unha trintena de actividades variadas, recuperando todas as actividades tradicionais de edicións anteriores pero que se desenvolverán de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias para facer fronte á Covid-19 e coa obriga de realizar inscrición previa no Concello de Frades (981 695 567 ou 981 695 663) en todas as iniciativas.

Unhas propostas que inclúen trece viaxes, media ducia de actividades deportivas, programa de conciliación familiar, catro sesións de cine ao aire libre e tres actuacións culturais dirixidas a desfrutar en familia. Unhas actividades que se poden consultar na web municipal.


Apertura da piscina

A programación mantén actividades tradicionais como os Xoves de Praia, o Campionato de Pesca Infantil (31 de xullo), o Día do Neno/a, (31 de xullo), a ruta de sendeirismo “Os Pasos de Aiazo” (7 de agosto), a excursión ao Aquapark de Cerceda (6 de agosto), o campionato de pádel (28 de agosto) ou o Día da Bicicleta (28 de agosto). Ademais, en xullo e agosto terán lugar os cursos de natación e de pilates de verán.


No capítulo de novidades, este ano haberá unha excursión a Tui, Fortaleza e Vilanova de Cerveira o 11 de setembro e unha ruta de sendeirismo pola senda do río Anllóns (Ponteceso) o 1 de agosto, que inclúe unha visita ao Dolmen de Dombate. Outra novidade será a actuación musical de Paco Nogueiras co seu espectáculo “Radio Bulebule” (sábado 17 de xullo, ás 20:30 horas), os xogos populares do Paporrubio (domingo 25 de xullo, ás 18:30 horas) e unha xornada cultural para toda a familia o sábado 7 de agosto con Peter Punk e a música de Pablo Díaz.


Debido á situación excepcional que estamos a vivir, será obrigatorio o uso de máscaras nos transportes ás actividades, cuxo desenvolvemento queda supeditado en todo momento a que as condicións sanitarias por mor da Covid-19 o permitan. Así mesmo, nas inscricións terán preferencia as persoas empadroadas en Frades. Na organización deste programa cultural de verán, o Concello de Frades conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.

تعليقات


bottom of page