top of page

Frades reclámalle a Sanidade que garanta unha atención de calidade nos centros de saúde de Abellá e Ponte Carreira



O Concello de Frades súmase ao malestar dos veciños e veciñas do municipio diante das incidencias que se están a producir nos centros de saúde de Abellá e Ponte Carreira nos dous últimos meses e que repercuten directamente na calidade da atención que reciben os pacientes. Unha problemática que o Concello leva tempo trasladando á Xerencia de Atención Primaria de Santiago sen conseguir unha solución satisfactoria.

 

Por esa razón, o alcalde de Frades, Roberto Rey, solicitou unha entrevista persoal co conselleiro de Sanidade para trasladarlle directamente a situación e tratar de buscarlle unha solución definitiva. “Levamos dende o mes de setembro co consultorio de Abellá pechado por non cubrirse a ausencia da médica titular e hai moitos días nos que non se cumpre o horario completo no centro de saúde de Ponte Carreira, o que se traduce nunha minoración da calidade do servizo aos nosos veciños e veciñas, como demostra o feito de que se están dando citas a máis de quince días”, explica Roberto Rey.

 

Unha situación que chega paradoxicamente despois do importante esforzo económico realizado este verán polo Concello de Frades, en colaboración coa Consellería de Sanidade, para mellorar as instalacións do centro de saúde de Ponte Carreira e do consultorio de Abellá. Unhas melloras que, no caso concreto de Abellá, a veciñanza practicamente non puido sequera desfrutar xa que o consultorio leva pechado dende o mes de setembro.

 

Isto é debido a que non se está a cubrir a praza da médica reservista, que ademais de ser a titular da praza de Abellá tamén presta os seus servizos no Exército durante varios meses do ano. “Nós respectamos o dereito que ten esta profesional a solicitar eses permisos, pero queremos que se cumpra o compromiso que adquiriu a Xerencia de Santiago de que se cubriría ese posto durante as súas ausencias, como se fixo nun primeiro momento, ou que se buscaría outra solución”, apunta Rey Martínez.

 

O Concello de Frades sigue mantendo a mesma postura que durante as mobilizacións rexistradas no 2023: esixir dúas médicas para atender os dous centros sanitarios do municipio e que se cumpra o compromiso da Xerencia de Atención Primaria de que a praza de Abellá estará cuberta por outro/a facultativo/a durante os 5 meses ao ano que a doutora está en situación de servizos especiais. Dúas peticións ás que agora se suman a esixencia de que se cumpra o horario completo de atención médica no centro de saúde de Ponte Carreira, que é de 8:00 a 15:00 horas, e que se reduzan de forma significativa os atrasos nas citas médicas.

Comentários


bottom of page