top of page

Frades repartirá composteiros en vivendas unifamiliares



O Concello de Frades vai repartir preto dun cento de composteiros entre propietarios de vivendas unifamiliares no municipio que teñan unha parcela ou horta de 25 metros cadrados ou maior superficie. Trátase da iniciativa "Programa de compostaxe doméstica no Concello de Frades". Para solicitar o composteiro abonda con chamar ao Concello no 981 695 567 ou acceder polo QR do cartel ou no link habilitado.


O composteiro ten capacidade para 400 litros e debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas. Preferiblemente, deberá colocarse baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.


O obxectivo da campaña é normalizar a autoxestión de materia orgánica nas zonas máis dispersas do concello, xa que se trata dun sistema máis sostible. Actuálizase así unha práctica tradicional no campo galego, de forma máis hixiénica e eficiente.


O concelleiro de Medio Rural de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, explica que "a compostaxe doméstica trae consigo importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais. Dado que a materia orgánica representa o 42% dunha bolsa de lixo tipo, ao recuperala no propio fogar evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, minguando así a frecuencia de recollida e transporte dos residuos e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera".


Este “Programa de compostaxe doméstica no Concello de Frades” está promovido polo Concello de Frades en colaboración coa Xunta de Galicia e conta coa financiación da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Esta será a cuarta entrega de composteiros que organiza o Concello de Frades, onde xa son preto de cen as familias do municipio que se sumaron a este proxecto de valorización da materia orgánica nas súas vivendas ao longo dos tres últimos anos.

Comentários


bottom of page