Frades roza todas as estradas e inicia a limpeza das pistas de monte
- Crónicas da comarca
- 22 jul 2021
- 1 Min. de lectura

Acaba de rematar a primeira fase dos traballos de roza do Concello de Frades, comprendendo 300 dos máis de 600 quilómetros de pistas e estradas da rede viaria municipal. Os traballos foron realizados por dous tractores e cubriron as estradas asfaltadas, comezando a continuación coas pistas de monte.
“Levamos rozado máis de trescentos quilómetros de pistas, todas as asfaltadas e de todas as parroquias”, explica Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Medio Rural e Limpeza Viaria. Ferreiro Marzoa engade que “a partir de agora un dos tractores comezará a dar unha segunda pasada polas parroquias mentres o outro se encarga das pistas de monte, para así cumprir co convenio contra o lume”.
Estes traballos estenderanse durante todo o verán co obxectivo de cubrir os case 600 quilómetros de vías.
Brigada contra o lume
Grazas a un convenio coa Consellería do Medio Rural, o Concello de Frades vén de incorporar este mes de xullo unha brigada de cinco persoas para a loita contra o lume, que ten previsto rozar dez hectáreas de masas comúns como medida preventiva.
コメント