
Fronte común contra a instalación de parques eólicos e liñas de evacuación dos alcaldes de Abegondo, Aranga, Boimorto, Frades, Oza-Cesuras, Mesía, Sobrado, Vilasantar e Curtis. Así se desprende da xuntanza de rexedores na casa consistorial de Curtis que se celebrou no día de onte, mércores 30 de marzo. Os alcaldes subscribiron un escrito no que apoian “o rexeitamento que están a ter os parques eólicos e liñas de evacuación que se proxectan ubicar no noso territorio; manifestando unha oposición frontal e total aos mesmos”.
O motivo da xuntanza foi a saída a información pública dos parques eólicos Caíño e Brancellao. No caso do segundo, cun aeroxerador que afecta a Frades e que xa recibiu o correspondente informe desfavorable da Xunta.
Os alcaldes deixan claro que a súa posición non é contraria á necesaria implantación de enerxías renovables, sempre que sexa dunha forma ordenada e programada en todos os territorios que se consideren idóneos en coordinación previa coas entidades locais e onde gocen dunha ampla aceptación veciñal.
O Concello de Frades estivo representado por Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Economía e Facenda, quen lembrou que Frades xa ten manifestado en varias ocasións a súa oposición aos parques eólicos e que dende 2019 mantén un acordo co resto de alcaldes da Mancomunidade de Ordes para dicir non aos parques eólicos na comarca de Ordes.
Comments