top of page

Gran éxito do intercambio xeracional "Lecturas compartidas cos nosos maiores"


Un total de 24 nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Primaria do CPI Ponte Carreira visitou o centro sociocomunitario de Frades, onde deron lectura a dous contos diante de 23 persoas maiores usuarias do centro. Trátase do proxecto “Lecturas compartidas cos nosos maiores”, posto en marcha polo CPI Ponte Carreira, a través do equipo de dinamización da lingua galega e da biblioteca do centro, en colaboración co Concello de Frades.  

 

O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, felicitou ao profesorado do CPI Ponte Carreira: “paréceme unha iniciativa do mellor do mellor. Eu sempre crin nos encontros interxeracionais e o éxito desta actividade é boa proba diso. Se algo temos que facer dende unha Administración é coidar dos nosos maiores, pois grazas a eles somos o que somos, e para fomentalo hai que ensinarllo aos nosos nenos e nenas, que son os noso futuro”. Por iso aceptou de inmediato a proposta do profesorado de dar continuidade a esta actividade: “no Concello de Frades estamos á vosa disposición para o que precisedes e sumamente agradecidos de ver a maiores e rapazada desfrutando xuntos”, apuntou.

 

E é que a gran participación e as boas sensacións que a actividade deixou tanto nas persoas maiores como nos propios nenos e nenas fixo que dende o profesorado do CPI de Ponte Carreira suxeriran a realización dunha segunda sesión antes de que remate o curso. Unha proposta que foi recibida cun unánime e forte aplauso por parte de todas as persoas presentes no centro sociocomunitario.

Comments


bottom of page