Identificado o condutor dun bus escolar en Ordes que incumpría os descansos e tempos de condución
- Crónicas da comarca
- 10 feb 2022
- 1 Min. de lectura

A Garda Civil investigou ao condutor dun autobús como presunto autor dun suposto delito de falsidade documental ao manipular os rexistros do tacógrafo dun autobús destinado a transporte escolar que conducía utilizando o cartón de condutor da súa irmá, en lugar de utilizar o seu propio.
Os feitos ocorreron no quilómetro 0,500 da estrada AC-524, termino municipal de Ordes, cando unha patrulla de motoristas do Destacamento da Coruña, tras unha inspección de transportes, observou que o citado condutor levaba inserido o cartón doutro condutor, neste caso unha muller, coa intención de alterar os rexistros do tacógrafo e poder circular máis horas sen respectar os tempos de condución e descanso regulamentarios.
Tras as xestións realizadas para esclarecer os feitos, e a análise dos datos de condución e descanso de ambos os condutores, a propietaria do cartón utilizado de forma fraudulenta para manipular os rexistros tamén se investiga como cooperadora necesaria no suposto delito de falsidade documental, xa que entre ambos existía unha relación familiar (eran irmáns) e o cartón foi entregada supostamente de forma voluntaria para poder xerar datos falsos e poder alongar así os tempos de condución minorando os descansos.
A Garda Civil lembra que a manipulación do tacógrafo permite obter vantaxes ilícitas nas regras de competencia do transporte por estrada e pode lesionar o dereito dos condutores ao seu descanso, ademais ponse en grave risco a súa integridade física e a do resto de usuarios da vía en caso de sinistro.
Comments