top of page

Impulso da Xunta ás enerxías renovables e a eficiencia enerxética nas explotacións



O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a finca Canedo (Frades), beneficiaria o ano pasado dunha das axudas da Xunta para o sector agrícola para impulsar a eficiencia enerxética e as enerxías renovables en explotacións agropecuarias. En Frades contaron con estas achegas 4 granxas por un importe total de máis de 76.000 euros.


Trenor estivo acompañado na súa visita polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro; así como polos propietarios da finca Canedo, José Luís Carro e Beatriz Méndez. O alcalde de Frades destacou que “catro granxas de Frades, tres da parroquia de Abellá, contaron con estas axudas en 2020 e temos constancia de que cando menos unha ducia máis as solicitaron para este 2021 xa que achegan importantes aforros na factura eléctrica, como vimos de comprobar nesta finca Canedo”.


O delegado da Xunta informou que a convocatoria deste ano contou cunha ampliación ata os 3,7 millóns de euros co obxectivo de atender un maior número de solicitudes. Esta ampliación permitiu apoiar un total de 420 proxectos. En concreto destaca a fotovoltaica con 386 iniciativas, seguido da biomasa con 10 proxectos, sete actuacións de minieólica, tres bombas de calor xeotérmicas e outras tres de aerotermia, ademais de 11 proxectos de aforro e eficiencia enerxética.


A novidade desta convocatoria foi a de fomentar as axudas en explotacións agrarias que carecesen delas e nas situadas en zonas economicamente menos favorecidas, para o que se tiveron en conta os datos do IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos concellos galegos. A Xunta convocou por primeira vez en 2017 esta liña específica de proxectos renovables para este sector e, desde entón e contando con esta convocatoria, son xa preto de 1.000 iniciativas con axudas de case 11,5 millóns de euros en toda Galicia.


Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética

A Xunta conta cun total de 1,67 millóns de euros procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética. Destinaranse a unha convocatoria de apoio á implantación de tecnoloxía eficiente nas explotacións agropecuarias que reduza o consumo inicial en polo menos un 10%.




As axudas, outorgadas segundo o sistema de concorrencia non competitiva, orientaranse á mellora da eficiencia enerxética das instalacións de regadío, á implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos e de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega ou instalación e substitución de baterías de condensadores nas estacións de bombeo. Agárdanse unhas 60 actuacións.


Tamén se poden utilizar para a mellora enerxética e uso de enerxías renovables nas explotacións, nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria, na substitución da enerxía convencional en instalacións térmicas por enerxías renovables térmicas ou na reforma ou substitución de instalación de iluminación interior e exterior. A axuda máxima por proxecto será un millón de euros.

Comments


bottom of page