top of page

Iniciadas as obras de acondicionamento e mellora da Casa da Cultura de Ordes



A pasada semana iniciáronse as obras de acondicionamento da Casa da Cultura. A primeira fase ten como punto de arranque o interior do auditorio. Tras despexarse todo o patio de butacas e desmontar o mobiliario existente a día de hoxe xa están instalados os andamios de grandes dimensións dende os que traballan os operarios.


Xa se poden apreciar os primeiros pasos de cara á instalación do novo sistema de climatización, que contará cunha bomba e recuperador de calor para o seu reparto por distintas estancias a través de condutos, reixas e difusores. Tamén se dotará dun novo sistema de iluminación por downlights e pantallas LED embutidas en falso teito.


Con todo isto as obras previstas suporán unha mellora non só no que atinxe ás condicións de eficiencia enerxética, senón tamén en aspectos relacionados co acondicionamento acústico, luminosidade, climatización, accesibilidade e seguridade.


O palco pasará a estar recuberto con solo técnico elevado para que o público asistente aos eventos teña unha mellor visibilidade. Ademais o vestíbulo de acceso contará cun novo pavimento composto por tarima de madeira laminada. No resto do espazo colocarase solo vinílico, ademais dun falso teito modular de paneis perforados e de revestimentos con panel lixeiro de la de madeira nas paredes. Algo que incidirá moi positivamente na acústica do auditorio.


O proxecto de remodelación e mellora abarca ao resto do inmoble situado na rúa Galicia, o cal presentaba na actualidade problemas polo deficiente illamento térmico e ausencia de climatización. Así, contémplase co proxecte en execución a colocación de carpinterías exteriores de aluminio con rotura de ponte térmica e de sistemas de illamento acústico e térmico. Para finalizar instalaranse novas butacas.


En conxunto o orzamento da dita obra é de 383.453,54 €. Desta cantidade 250.000 € serán sufragados pola Xunta de Galicia, correndo a conta do Concello a cantidade restante, tal e como se acordara no Consello da Xunta a comezos do mes de setembro de 2021.

Yorumlar


bottom of page