top of page

Investigadoras de Turismo da UdC farán un estudo do perfil do peregrino no Camiño Inglés



As profesoras da Facultade de Turismo da Universidade da Coruña Antonia Pérez García e Iria Caamaño Franco realizarán un estudo demoscópico sobre a demanda turística no Camiño Inglés para identificar o perfil das persoas que peregrinan a Compostela escollendo esta ruta.


Este estudo dá continuidade ao realizado no ano 2021, actualizando os datos coa fin de facer unha análise comparativa e evolutiva de forma que estes traballos se convertan nun observatorio que recolla os principais indicadores e resultados asociados ao Camiño Inglés. As conclusións deste observatorio permitirán adaptar, definir e aplicar estratexias e accións do ámbito turístico máis eficaces.


O informe está promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés. Esta mañá o seu presidente, Manuel Mirás, compartiu co reitor da UDC, Julio Abalde, os detalles do acordo entre ambas as dúas institucións.


Edición de 2021

O anterior “Estudo demoscópico sobre la demanda turística del Camino Inglés. Septiembre 2021” foi realizado por Carlos Carro, Antonia Pérez, Iria Caamaño e Estefanía M. Espasandín. Esta investigación permitiu coñecer o perfil do peregrino que viaxa no mes de setembro. A maioría ten unha idade comprendida entre os 45 e 74 anos e a súa orixe é maioritariamente nacional, destacando por comunidades Madrid, Illas Baleares e Valencia. No campo internacional, destacan Portugal, Italia, Alemaña e Estados Unidos.

Os peregrinos comezan maioritariamente en Ferrol (80,5%) e dedican entre cinco ou seis días, acompañados principalmente por amizades. O gasto medio está entre os 51 e máis de 75 euros. Sobre o coñecemento do Camiño a fonte de información é polas redes sociais (38%), os consellos (31%), e o 30% sabe do Camiño por realizar previamente outras rutas. Máis información: https://bit.ly/3CXmdsl

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés está integrada por 16 municipios: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela

Comments


bottom of page