top of page

Juan Manuel Rodríguez: "Imos todos no mesmo barco a favor dunha transición xusta"



O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, reuniuse hoxe coa subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, na visita da mesma ao municipio durante a cal se trataron asuntos pendentes na localidade como a necesidade dunha transición xusta.


Juan Manuel Rodríguez, que ten defendido a importancia de que as administracións se impliquen para un acordo con Naturgy, declarou a este medio que o que o Concello pide é "compromiso á hora de falar coa empresa e que se fagan as cesións pertinentes para acometer importantes proxectos para o territorio". Pon como exemplo o proxecto da Federación Galega de Remo para o lago, entre outros. "Hai unha débeda histórica coa comarca e co concello", lembra, sinalando que Cerceda precisa de "axudas económicas de transición xusta e interlocución coa empresa". "Imos todos no mesmo barco remando a favor dunha transición xusta", aseverou. O rexedor declárase "satisfeito" pola interlocución mantida.





Rodríguez adiantou que ao longo deste ano irán coñecéndose novos datos sobre o convenio de transición xusta e "a empresa sabe perfectamente o que queremos e consideramos lexítimo dende o punto de vista da responsabilidade social". "Seguiremos expectantes", sinalou.


O alcalde e mais a subdelegada de Goberno trataron tamén asuntos como os investimentos do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) e visitaron a senda peonal de San Vicenzo. "Xa temos en vías de execución 1.400.000 euros", sinalou o alcalde sobre estas iniciativas.






Commentaires


bottom of page