top of page

'La Duendeneta' chega a Oroso o venres e a Ordes o sábado



Que os peregrinos (e por que non, tamén os veciños das vilas polas que pasan os Camiños) teñan a oportunidade de coñecer e escoitar unha mostra da grande riqueza, variedade e calidade que ofrece a música feita en Galicia e en galego é o obxectivo fundamental da xira «Os Camiños das Músicas Galegas». O medio que se utiliza para levar as nosas músicas polas rutas xacobeas será La Duendeneta, unha orixinal e vintage «music truck», que está a percorrer durante 20 días, dende o 2 de xuño, os Camiños Francés, Inglés e Portugués, deténdose cada xornada nas prazas das vilas que coinciden con habituais finais de etapa para ofrecer alí unha sesión musical comentada. Este sábado 12 estará ás 19h na Alameda de Ordes, cunha sesión vermú ás 13h. Previamente, Oroso recíbea este venres na praza Isaac Díaz Pardo desde as 19h. O proxecto enmárcase dentro da programación do Xacobeo a través da colaboración de la Fundación “La Caixa”.


O encargado de realizar estás sesión didácticas é o xornalista e crítico musical Carlos Crespo, quen conta cunha experiencia de máis de 20 anos na difusión da cultura dende diversos medios de comunicación. A xeito case dun programa de radio, cunha duración de aproximadamente 90 minutos, realiza un percorrido sonoro e comentado pola historia da música galega, dende os pioneiros do pop ata o día de hoxe, incluíndo todos os xéneros: pop, rock, folk, canción de autor, hip hop, tradicional, electrónica, blues...


«O obxectivo é que os peregrinos se vaian de Galicia cun retrato en varias cores do que foi e do que é a nosa música. E amosarllo dun xeito didáctico ao tempo que lúdico e orixinal», explica Carlos Crespo.


QR con listas de reprodución

A sesión combina a selección musical con comentarios nos que se van subliñando os datos fundamentais para que os asistentes poidan disfrutar e entender cada época e os fitos musicais máis destacados que teñan acontecido nelas, con especial atención a estas últimas décadas. Como complemento entrégaselles un folleto con información e un código QR para que poidan escoitar unha lista de reprodución con todos os artistas e as cancións que soaron na sesión. O obxectivo é que os peregrinos fagan as etapas dos seguintes días escoitando música en galego


As sesións de «Os Camiños das Músicas Galegas» teñen lugar, xeralmente, en torno ás 18.30 h, aproveitando ese intre baleiro que os peregrinos teñen cada xornada sobre esa hora. A maiores, os sábados e os domingos realízanse a maiores unha sesión vermú na que só música en galego.


O percorrido

A xira está a realizarse en dirección inversa á que realizan os peregrinos para non coincidir nunca cos mesmos. O percorrido comezou o mércores 2 no Pedrouzo e continuou con escalas en Arzúa, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Sarria e Triacastela ata chegar ao Cebreiro o día 9 de xuño. De seguido realizaranse catro paradas no Camiño Inglés: Sigüeiro, Ordes, Betanzos e Pontedeume, e cinco no Camiño Portugués: Padrón, Caldas de Reis, Pontevedra, Redondela e Tui. Para rematar con dúas sesión en Santiago de Compostela os días 20 e 21.


Adaptado á normativa vixente

A celebración das sesións de «Os Camiños das Músicas Galegas» está adaptada á normativa sanitaria que estea vixente en cada momento. Se non existen restricións especiais que o impidan, colocaranse cadeiras para que o público poida seguir a sesión sentado, mantendo a distancia de seguridade e con máscara. Haberá control de acceso ata completar a capacidade pero son será preciso realizar reserva previa.


As sesións fanse dende La Duendeneta, unha orixinal discoteca móbil vintage, habilitada nunha furgoneta Avia de 1974. Unha sorte de “music-truck” ben coñecida en Galicia porque nestes últimos anos xa ten estado en infinidade de festas e eventos e en festivais como Portamérica, Atlantic Fest, Festival de Cans, Caudal Fest, Revenidas, ou Surfing’ the Lerez, entre outros.

コメント


bottom of page