O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez e polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, visitou o centro de saúde de Ordes hoxe para anunciar un investimento de máis de 436.000 euros para a ampliación do centro, ocupando a cuberta aterrazada do PAC, que conta cunha superficie aproximada de 170 metros cadrados, para habilitar 5 consultas da área de saúde mental. Esta actuación permitirá mellorar o servizo da unidade de saúde mental que se presta neste centro desde o mes de maio de 2021 o optimizará o uso de todo o espazo dispoñible.
O delegado da Xunta explicou que con esta actuación, que se licita hoxe, crearanse varias consultas: unha para traballo social, dúas consultas de psiquiatría, unha de enfermería e outra para psicoloxía. Ademais haberá novos aseos adaptados. Esta actuación permitirá dar unha mellor cobertura á atención da saúde mental á poboación de referencia.
O representante do Goberno galego apuntou que “esta ampliación preséntase como un volume compacto que consolida a área de saúde mental dentro do edificio, conectándose coas circulacións existentes sen desvirtuar a imaxe exterior do edificio. O cerramento da fachada así como a cuberta realizarase con materiais iguais ou similares aos do edificio existente cun muro de cerramento de ladrillo caravista e cuberta de chapa”.
A proposta desenvolve a organización, estrutura e distribución das distintas áreas e servizos citados no programa funcional, sobre o nivel de planta primeira, onde radica a actividade fundamental do centro de saúde, adaptando o programa da área de saúde mental dentro do funcionamento diario de cara ao usuario e profesionais conectando as súas circulacións e esperas de forma óptima, permitindo así a compatibilidade dos espazos
Trenor explicou que a planta primeira alberga, neste momentos, os programas propios do centro de saúde correspondente a consultas de medicina, enfermería, pediatría, matrona, odontoloxía e administración. É neste nivel onde se realizará a ampliación, incluíndo o programa de área de saúde mental que conta con: unha consulta de enfermería, 2 consultas de psiquiatría, unha consulta de psicoloxía, unha consulta de traballador social. Ademais, no proxecto inclúense aseos adaptados xa que a ampliación considera o aumento de usuarios e debido a que os aseos do centro actualmente atópanse na esquina oposta, significa unha notable melloría en canto aos percorridos.
Trenor lembrou que neste centro de saúde tamén se levou a cabo recentemente a reparación dos ventanais deteriorados a causa da corrosión da estrutura metálica de catro ventanais da parte posterior do edifício e está previsto levar a cabo a substitución do alumbrado por iluminación tipo LED e a modificación da instalación eléctrica para cobrir mediante un grupo electrógeno diferentes zonas del centro.
Comments