Medio Rural salienta o potencial da producción alimentaria ecolóxica en galicia valorada en 111M€
- Crónicas da comarca
- 9 abr
- 2 Min. de lectura

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, participou hoxe na inauguración do Foro Ecogastronómico de Galicia, organizado polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega). Nela, salientou o potencial deste tipo de producións alimentarias con este selo de calidade diferenciada que, no pasado ano, acadaron un valor económico de máis de 111 millóns de euros con case 45.500 hectáreas certificadas e un milleiro de produtores.
A titular de Medio Rural tamén puxo en valor a importancia destas producións nos mercados, xa que os consumidores demandan cada vez máis elaboracións respectuosas co medio ambiente e co benestar animal. Neste sentido, louvou o traballo dos produtores adheridos ao Craega que, a través de técnicas agrarias ou gandeiras respectuosas, xeran
valor engadido aos produtos agroalimentarios galegos.
Ao mesmo tempo, sinalou que a aposta polas producións ecolóxicas son unha oportunidade para o desenvolvemento do rural, xa que xera postos de traballo e contribúen a fixar poboación nestas zonas. Neste sentido, engadiu que desde a Consellería do Medio Rural apóstase por este tipo de elaboracións que son respectuosas coa contorna.
Por outra banda, María José Gómez resaltou a importancia da celebración de foros deste tipo para reafirmar o valor dos produtos de proximidade e para dispoñer dun punto de encontro no que todos os profesionais implicados se reúnan, dispoñendo así dun espazo no que intercambiar ideas e experiencias. A esta xornada tamén asistiu a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
A conselleira do Medio Rural aproveitou a ocasión para salientar a calidade das producións galegas, á que cualificou como “a nosa principal fortaleza”. Incidiu en que é un factor determinante ante o actual contexto dos mercados para a apertura de posibilidades destas elaboracións.
Neste sentido, María José Gómez recalcou que Galicia conta é unha das comunidades autónomas con máis selos de calidade diferenciada, cun total de 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. A eles, cómpre sumar outros distintivos como o de Agricultura Ecolóxica e o de Artesanía Alimentaria. Desde o Goberno galego, indicou, seguirase apostando por esa calidade a través de diferentes accións que favorezan o seu impulso mediante iniciativas encamiñadas á promoción e á innovación.
Comments