top of page

Meirama acollerá o proxecto de hidróxeno verde impulsado por Naturgy, Repsol e Reganosa



Na mañá de onte -15 de marzo-, durante as xornadas sobre Transición Xusta que se están a desenvolver no Viveiro de Empresas de Cerceda, a directora do ITJ, Laura Marín, acompañada por Juan Manuel Rodríguez, alcalde do Concello de Cerceda, confirmaba que Meirama acollerá o proxecto de hidróxeno verde impulsado por Naturgy, Repsol e Reganosa cunha financiación de 15 millóns de euros do Instituto para a Diversidade e Aforro Enerxético, IDAE, dependente do Goberno de España. O investimento total será de 46,4 millóns de euros, nun proxecto que xerará 400 postos de traballo directos, indirectos ou inducidos durante a fase de construción e operación.


Rodríguez afirma que se trata “dunha gran nova para Cerceda e toda a comarca, unha oportunidade de emprego extraordinaria, froito da estreita colaboración que mantivemos co Instituto de Transición Xusta”, e unido a isto, recalcaba que “para nós é unha carta pola que imos apostar decididamente e temos claro que para ser un referente a nivel de emprego, a nivel de servizos públicos e a nivel de investimentos temos que ser un referente en Transición Ecolóxica Xusta, porque é o futuro e onde estamos enmarcados”.



Laura Marín, directora do Instituto para a Transición Xusta, sinalou durante a súa primeira intervención que “se puxo moito énfase en que a autorización do peche de centrais estivesen acompañados por plans de futuro, fito moi importante. Neste sentido hoxe confirmamos que o proxecto conxunto de Naturgy, Reganosa e Repsol, que nun primeiro termo quedara fóra da resolución provisional, será unha realidade, apoiado por fondos do IDAE e que iniciará un proxecto chamado a ser o futuro enerxético en Cerceda e na súa contorna”.


O proxecto contempla a instalación dunha planta de electrólise alimentada con enerxía 100% renovable nos terreos da antiga central térmica de Meirama, en Cerceda. Co pulo deste vector enerxético, as tres compañías reforzan o seu compromiso cunha transición enerxética xusta. A planta de hidróxeno renovable terá unha potencia inicial de 30 MW, en distintas fases ata un potencial total de 200 MW. Producirá máis de 4.000 toneladas de hidróxeno renovable ao ano nunha primeira fase e alcanzará unha produción total de 30.000 toneladas anuais.


O hidróxeno renovable xerado destinarase a uso industrial para substituír o hidróxeno convencional que actualmente utiliza a refinería de Repsol na Coruña. Tamén se utilizará noutras industrias, na inxección na rede de gas para ser mesturado con gas natural e en mobilidade. Todos estes usos permitirán reducir a pegada de carbono da zona e demostrar a viabilidade da produción masiva de hidróxeno renovable e da súa distribución ao consumidor final.

Comments


bottom of page